Martina Aneiros pon en valor o labor de sensibilización social a prol da doazón da medula ósea que desenvolve a Asociación Asotrame
Ferrol, 18 de novembro de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, mantivo esta mañá unha reunión de traballo coa presidenta da Asociación Galega de Afectados por Transplantes de Medula Ósea e Enfermidades Oncohematolóxicas (Asotrame), Cristina Piñeiro, e membros da directiva desta entidade.
Durante o encontro, a delegada territorial interesouse polos proxectos que ten en marcha actualmente esta entidade que leva 12 anos traballando para prestar apoio ás persoas afectadas por un cancro hematolóxico e as súas familias.
Aneiros aproveitou a ocasión para poñer de manifesto a importancia desta asociación en particular, pero de todas as agrupacións de doentes, no labor de sensibilización social a prol do doazón, nas súas diferentes versións (órganos, sangue, medula ósea,...) e salientou o compromiso solidario de Asotrame coa divulgación da doazón o que permitiu incrementar o volume de información que recibe a sociedade galega en torno á doazón de proxenitores hematopoxéticos, máis popularmente coñecida como doazón de medula ósea.