Gómez Caamaño pon en valor a redución das listas de espera, que sitúan Galicia como a segunda comunidade con menores tempos para consultas

O conselleiro de Sanidade remarca que Galicia é a cuarta comunidade con mellores tempos de espera media cirúrxica, de forma que os galegos agardan case 50 días menos para operarse que a media do resto de España

As sete áreas sanitarias galegas están, cando menos, un mes por debaixo da media do Sistema Nacional de Saúde para a realización dunha intervención

Destaca que Galicia, ademais de reducir os tempos de espera, aumentou nun 1,5 % o número total de intervencións cirúrxicas, facendo preto de 110.000 nos seis primeiros meses do ano

As consultas externas tamén aumentaron en 51.560 ata chegar a máis de 2,6 millóns, o que posibilitou unha redución do 12 % nos pacientes en espera para unha primeira consulta

As probas diagnósticas reflicten un incremento de actividade do 2,8 %, en especial das de gran relevancia asistencial, como ecografías, TAC e endoscopias, sumando preto de dous millóns

O máximo responsable do Servizo Galego de Saúde destaca o esforzo dos profesionais para facer cada vez máis actividade reducindo ademais os tempos de espera

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio  Gómez Caamaño, puxo en valor a redución nas listas de espera hospitalarias no primeiro semestre do ano, que sitúan Galicia como a segunda comunidade con menores tempos para consultas, mellorando posicións, de terceira a segunda, con respecto aos datos anteriores.

O titular da carteira sanitaria da Xunta detallou no Parlamento os datos de lista de espera a 30 de xuño deste ano. Tal e como referiu, o tempo medio de espera para unha cirurxía reduciuse en Galicia en dous días, incidindo en que a media do Sistema Nacional de Saúde para ser operado é de 118 días, mentres que os galegos agardan case 50 días menos que esa cifra, sendo a nosa comunidade a cuarta con menores tempos de espera cirúrxica.

Ademais, en Galicia só o 4,2 % dos pacientes teñen que agardar máis de seis meses, para unha cirurxía mentres que no conxunto do Estado esta porcentaxe é do 20 %.

No que atinxe ás consultas, no primeiro semestre de 2025 Galicia reduciu en case 15 días o tempo de espera para unha consulta co especialista, dende os 72 días de media de xuño de 2024 ata os 57 rexistrados en xuño deste ano, mentres que a media de España a espera aumentou dos 94 aos 96 días. Neste apartado, Galicia sitúase como a segunda comunidade con mellores tempos.

Incremento das intervencións cirúrxicas

Na súa intervención no Pazo do Hórreo, o conselleiro puxo en valor que Galicia, ademais de reducir os tempos de espera, aumentou nun 1,5 % o número total de intervencións cirúrxicas. Así, no primeiro semestre do ano 2024 o Sergas fixera 108.079 operacións e, no primeiro semestre deste ano, realizou 109.746.

Outro dato significativo sinalado polo conselleiro no Parlamento é que as sete áreas sanitarias galegas rexistran tempos de espera cirúrxicos que están, cando menos, un mes por debaixo da media do Sistema Nacional de Saúde.

Así mesmo, Gómez Caamaño referiu que nas intervencións de prioridade 1, a espera redúcese ata os 17,7 días, isto é, 12,3 días por baixo dos 30 de espera marcados pola lei.

O conselleiro destacou, tamén, o compromiso do Servizo Galego de Saúde coa innovación cirúrxica e as intervencións punteiras, posto que, no primeiro semestre deste ano, o departamento sanitario galego superou as 2.000 intervencións nos quirófanos robotizados, o que supón un incremento do 8 %.

O máximo responsable do departamento sanitario da Xunta deu conta que, neste primeiro semestre do ano, as consultas externas tamén aumentaron en 51.560 ata chegar a máis de 2,6 millóns, o que posibilitou unha redución do 12 % nos pacientes en espera para unha primeira consulta.

Ademais, todas as sete áreas sanitarias galegas están por baixo dos 80 días de espera para unha primeira consulta, fronte aos 96 de media do Sistema Nacional de Saúde.

Igualmente considera destacable o conselleiro que en Galicia só o 36 % dos pacientes alcanzan os 60 días para unha primeira consulta, sendo a media nacional superior ao 61 %.

Vías rápidas e Lei de garantías

As vías rápidas por sospeitas de patoloxía oncolóxica aumentaron un 7,5 % as súas consultas, chegando a superar as 13.500, das que máis de 3.000 foron por sospeita de cancro de mama. O tempo medio de espera nestas vías rápidas foi de tan só 6,6 días, a metade do compromiso do Sergas establecido en 15 días.

No marco da Lei de garantías de tempos máximos, o conselleiro explicou que, neste primeiro semestre, realizáronse 11.915 probas diagnósticas, 12.962 consultas e 6.323 intervencións cirúrxicas, e non se derivaron doentes a outros centros.

Os datos de actividade das probas diagnósticas reflicten un incremento do 2,8 %, en especial das de gran relevancia asistencial, como ecografías, TAC e endoscopias, sumando preto de dous millóns.

Coa publicación dos datos, dados a coñecer antes que o Ministerio de Sanidade, o departamento sanitario galego cumpre coas directrices marcadas polo Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde.

Para rematar a súa intervención, o conselleiro amosouse orgulloso do que logran cada día os profesionais do Sergas, facer cada vez máis actividade, reducindo tempos de espera.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/11/2025