O conselleiro de Sanidade interveu esta mañá na sesión plenaria celebrada no Parlamento de Galicia
Gómez Caamaño apela á responsabilidade para evitar unha folga en atención primaria e acordar medidas que melloren a asistencia sanitaria e as condicións laborais dos seus profesionais
O titular de Sanidade traslada a vontade da Xunta de acadar solucións de forma “dialogada, negociada e acordada con todos os axentes implicados”
O responsable autonómico lamenta a inacción e o deixamento de funcións do Goberno de España ante o contexto xeneralizado de falta de médicos
Lembra que as previsións apuntan a un déficit de profesionais en medicina familiar e comunitaria de 244 facultativos no ano horizonte 2029
Remarca a obriga da Administración autonómica de garantir a cobertura e a atención sanitaria nos centros de saúde
Subliña o compromiso da Xunta coa Atención Primaria e lembra o conxunto de medidas que se adoptaron en Galicia para facer fronte á carencia de profesionais
Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, apelou esta mañá á responsabilidade para evitar unha folga na atención primaria galega e así consensuar medidas que melloren, tanto a asistencia sanitaria, como as condicións laborais dos seus profesionais.
Durante a súa intervención no Parlamento de Galicia, o responsable autonómico trasladou a vontade da Xunta para acadar solucións “de forma dialogada, negociada e acordada con todos os actores involucrados”. Así, apuntou que o departamento sanitario galego “falará con todos e de todo”, apelando á flexibilidade e á escoita activa de cada unha das propostas que se acheguen.
“Se todos actuamos con responsabilidade e evitamos a folga poderemos acordar solucións en liña coas demandas laborais dos profesionais e encamiñadas a garantir unha mellor asistencia a todos os galegos“, referiu.
O titular de Sanidade lamentou unha vez máis a inacción e o deixamento de funcións do Goberno de España ante o contexto xeneralizado de falta de médicos e criticou que o Ministerio “desentenda e ignore os chamados dos gobernos autonómicos” nos que se lle requiren solucións para actuar ante este desafío.
Segundo explicou, durante o pasado Pleno do Consello Interterritorial de Saúde os representantes autonómicos solicitaron de novo ao Goberno central unha reunión extraordinaria para abordar a necesidade de profesionais sanitarios e así garantir a asistencia nos centros de atención primaria.
Gómez Caamaño aludiu o importante número de xubilacións de facultativos de atención primaria que rexistrará o sistema sanitario público galego nos vindeiros anos, estimando que durante o período 2025-2029 haberá un déficit de profesionais que acadará os 244 médicos de familia.
Nesta liña, e mentres o Ministerio de Sanidade non fixe os criterios cos que as comunidades deben elaborar os seus plans de Recursos Humanos, Gómez Camaño incidiu en que a Xunta procurará anticipar a adopción de solucións negociando “todas as medidas de atención primaria que haxa que negociar, co fin de garantir a asistencia ante o déficit acusado de profesionais que se prevé nos anos inmediatos”.
Lembrou a obriga da Administración autonómica de garantir a atención sanitaria nos centros de saúde, polo que formulou propostas para dialogar de cara a este obxectivo.
Gómez Caamaño remarcou que a vontade da Consellería é “dialogar e negociar todo o que faga falta” para chegar a un acordo sobre as medidas que permitan garantir a asistencia sanitaria e evitar unha folga que, dixo, “só pode empeorar a situación, prexudicando tanto á poboación como aos propios profesionais”.
Lembrou que, no marco das súas competencias, a Xunta adoptou un conxunto de medidas coas que minorar a incidencia da falta de médicos no sistema sanitario público galego. Neste senso, destacou a oferta de prazas fixas por concurso de méritos, os contratos de 3 anos de duración para os MIR que finalizaron a súa etapa formativa, as melloras laborais e de estabilidade dos profesionais sanitarios, ou a demanda activa da creación da especialidade de Medicina de Urxencias e Emerxencias.
Tamén referiu o aumento dos recursos que se dedican á atención primaria, destinando en 2026 un 4,75% máis, ata acadar os 1.747 millóns de euros. Concretamente, o capítulo de persoal de atención primaria medrará un 3,4% e acadará os 657 millóns de euros. Gómez Caamaño incidiu en que as contas da Consellería do vindeiro ano tamén prevén reforzar a atención primaria, coa creación de 77 prazas nos puntos de atención continuada, 21 psicólogos clínicos para a rede de atención primaria e 62 prazas para consolidar os equipos de atención domiciliaria.
Gómez Caamaño pechou a súa intervención apelando á responsabilidade para evitar a folga. “Se todos actuamos con responsabilidade e evitamos a folga poderemos, ademais, acordar solucións acordes coas demandas laborais dos profesionais e encamiñada a garantir a mellor asistencia a todos os galegos”.