O Servizo Galego de Saúde convoca concurso-oposición para o ingreso como persoal estatutario fixo na categoría de médico xeral da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue
Ofértanse seis prazas e o prazo de inscrición remata o 31 de decembro
Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2025
O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, unha resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde coa convocatoria do concurso-oposición para o ingreso na categoría de médico xeral da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue.
Ofértase un total de seis prazas, das cales catro son para a quenda de acceso libre e dúas para promoción interna.
As persoas que desexen participar no proceso selectivo deberán cubrir unha única solicitude de participación, en modelo normalizado, a través da Oficina Virtual do Profesional (FIDES/Expedient-e/Procesos/OPE).
O prazo de inscrición de participación no proceso comeza a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución e remata o 31 de decembro de 2025.
As persoas interesadas en participar neste proceso selectivo deberán posuír, na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes e manter no momento da toma de posesión como persoal estatutario fixo, os requisitos recollidos na resolución da convocatoria.
O órgano convocante poderá verificar certos requisitos de participación a través da plataforma de interoperabilidade da Xunta (PasaXe!). Isto implica que os aspirantes que non se opoñan no formulario de solicitude de participación á consulta a través da plataforma de interoperabilidade non terán a obriga de achegar certa documentación acreditativa como o DNI ou NIE; o certificado de discapacidade ou o de familia numerosa de carácter xeral ou especial se foron expedidos por organismos da Comunidade Autónoma de Galicia; a certificación de antigüidade como demandante de emprego e de non percibir no momento actual prestación ou subsidio por desemprego en calquera parte do territorio nacional.
Fóra destes supostos, ou cando conste a oposición expresa a súa consulta, os aspirantes deberán presentar a documentación acreditativa dos requisitos indicados na base segunda da convocatoria.
Os méritos a ter en conta na fase de concurso son os recollidos no Anexo IV da convocatoria e valoraranse con referencia ao día inmediatamente anterior, inclusive, ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
As persoas interesadas deberán rexistralos debidamente no seu expediente electrónico do profesional (Fides/expedient-e) e acreditalos documentalmente na forma e prazos indicados na convocatoria.
Os aspirantes poden dirixir todas as dúbidas e consultas relacionadas con este proceso ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es.