Lara Meneses destaca a potencialidade do Xuventude Crea “para fomentar a profesionalización e proxección da mocidade galega”
Tres proxectos de Ribadumia, Mondariz e A Coruña foron os seleccionados na final da modalidade de cociña na praza de Abastos esta mañá
A directora xeral de Xuventude fai fincapé “na importancia desta iniciativa, consolidada e con moi boa reputación no eido cultural e artístico galego”
A gala de entrega de premios desta edición, que consta de 16 especialidades, celebrarase o 19 de decembro na Cidade da Cultura
Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2025
A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, destacou “a potencialidade do Xuventude Crea para fomentar a profesionalización e proxección da mocidade galega, ademais de estimular a imaxinación, a creatividade e a innovación”. Fíxoo esta mañá na final da especialidade de cociña do Xuventude Crea, celebrada na praza de Abastos de Santiago de Compostela, na que se recoñeceron os proxectos As tres marabillas, Cremosiña de augardente con sabor a entroido e Cilindro de castaña recheo de tartar de vieiras, sobre salsa de peixe e pingas de sabor.
Neste senso, a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude celebrou a alta participación e calidade dos traballos presentados, “que demostran a importancia desta iniciativa consolidada e con moi boa reputación no eido cultural e artístico galego”.
Así, a primeira gañadora foi Mónica Martínez, de Ribadumia, co prato As tres marabillas. A continuación recoñeceuse o traballo de Inés Acuña e Noelia Varela, de Mondariz, coa proposta Cremosiña de augardente con sabor a entroido. Pola súa banda, María Cristina Domínguez, da Coruña, resultou gañadora por Cilindro de castaña recheo de tartar de vieiras, sobre salsa de peixe e pingas de sabor.
A cociña é unha das 16 especialidades que compoñen a convocatoria do Xuventude Crea, que este ano segue a consolidar a súa alta participación, volvendo rexistrar ao redor de 600 persoas inscritas, e que celebrará a gala de entrega de premios o 19 de decembro na Cidade da Cultura. Por esta iniciativa pasaron, coa participación do 2025, máis de 6.000 mozos e mozas con 4.000 proxectos, e teranse repartido 700 premios cunha dotación que se aproxima a 1M€ en total.