Belén do Campo participa na Sesión do Consello Consultivo do Consorcio Provincial contra incendios e salvamento marítimo da Coruña

O asunto tratado na sesión do Consello Consultivo foi a aprobación do Convenio de colaboración entre o Consorcio Provincial e o Grupo Vegalsa–Eroski, centrado na prevención, asesoramento e intervención en emerxencias

A Coruña, 21 de novembro de 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo, participou hoxe na Sesión do Consello Consultivo e posteriormente no Pleno, xunto ao Director Xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, do Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento da Coruña, unha sesión na que se abordaron asuntos clave para o funcionamento do servizo e o reforzo dos medios de intervención en emerxencias de cara ao próximo exercicio.

Entre os puntos tratados, o Pleno, do que forman parte os representantes da Xunta de Galicia aprobou inicialmente o Orzamento e o Cadro de Persoal para o ano 2026, un documento que permitirá planificar con antelación os recursos humanos e materiais necesarios para garantir un servizo eficaz en toda a provincia.

Así mesmo, avanzouse na mellora dos medios operativos coa aprobación da contratación do subministro de catro bombas urbanas pesadas (BUP) para o Consorcio. A incorporación destes vehículos permitirá reforzar a capacidade de resposta dos parques ante incendios urbanos, riscos industriais e outras emerxencias complexas, mellorando a seguridade tanto dos profesionais como da cidadanía.

Outro dos asuntos destacados das sesións foi a aprobación do Convenio de colaboración entre o Consorcio Provincial e o Grupo Vegalsa–Eroski, centrado na prevención, asesoramento e intervención en emerxencias. O acordo ten como obxectivo optimizar os recursos dispoñibles e favorecer a coordinación mutua, establecendo mecanismos de cooperación que melloren a capacidade de actuación en situacións de risco nas instalacións da compañía.

O convenio inclúe, entre outros compromisos: a realización de seis simulacros en diferentes centros do Grupo Vegalsa–Eroski; a participación do Consorcio na implantación e mellora dos Plans de Emerxencia das instalacións e a definición de procedementos que garantan a máxima seguridade e eficacia do persoal do Consorcio en calquera intervención.

A delegada da Xunta destacou que estes acordos “reforzan un servizo esencial para a provincia e demostran o compromiso continuo coa mellora dos medios, a planificación e a cooperación institucional e empresarial en materia de seguridade e intervención en emerxencias”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/11/2025