A Xunta ten identificadas máis de 850 parcelas na costa e avaliará cos seus propietarios a posibilidade de mercalas para crear refuxios no litoral
O Executivo galego estima que arredor do 10% da superficie costeira de Galicia é susceptible de converterse nalgún destes espazos de especial conservación, na liña do que recolle a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia
A posta en marcha destas adquisicións en 2026, xunto co Camiño do litoral ou a aplicación Conecta litoral, son a antesala doutras actuacións que está a preparar o Executivo galego de cara ao vindeiro Xacobeo 2027
Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2025
A Xunta ten identificadas xa máis de 850 parcelas na costa susceptibles de converterse en refuxios do litoral, polo que agora avaliará cos seus propietarios a posibilidade de mercalas para que pasen a ser de titularidade pública. É unha das cuestións que abordou onte a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, no I Cumio do litoral, en Baiona, cos representantes doutras comunidades costeiras.
A responsable autonómica explicou que se trata dun proceso complexo -pois implica identificar cada finca, facer unha taxación, a correspondente cartografía e preparar diversa documentación- e que o Executivo galego estima que algo máis do 10% da superficie total do litoral de Galicia é susceptible de converterse nun refuxio, é dicir, nunha zona pública natural de especial conservación e de protección do medio ambiente.
Esta medida dá cumprimento ao recollido no artigo 65 da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (Loxilga), que regula a constitución dun patrimonio público de solo do litoral para que actúe a modo de reservas nas que realizar actuacións de coidado do medio ambiente e do patrimonio natural e cultural existente.
Estes espazos de titularidade pública destinaranse a accións en beneficio da sociedade -na liña do que se está a facer en parques naturais como o Parque Natural Fragas do Eume- con usos compatibles coa protección da biodiversidade pois enmárcanse no compromiso do Goberno galego de manter o equilibrio entre a dinamización da costa e a súa protección e conservación.
Este é un dos proxectos que ten en marcha a Xunta de cara ao vindeiro ano para poñer en valor a costa, ao igual que a configuración do Camiño do litoral -que unirá a Galicia costeira de norte a sur- ou a creación da aplicación Conecta litoral, que busca poñer en valor a riqueza natural, cultural, etnográfica ou arquitectónica de cada unha das etapas da senda e ofrecer toda esa información ao conxunto da cidadanía.
Esa ferramenta dixital incluirá os elementos recollidos no Catálogo de bens de interese cultural e na rede de establecementos turísticos da costa, así como outros datos sobre o patrimonio natural -flora e fauna-, para que os usuarios os teñan á súa disposición á hora de iniciar calquera percorrido polo Camiño do litoral.
A conselleira explicou que a costa é unha das pedras angulares da actuación do Goberno galego, co seu presidente Alfonso Rueda á cabeza, e que o 2026 vai ser o ano do litoral en Galicia, polo que estas accións programadas para o próximo ano serán a antesala doutras actuacións que está a preparar a Xunta de cara ao vindeiro ano Xacobeo 2027.
I Cumio do litoral
Este encontro, celebrado en Baiona entre o xoves e o venres, contou coa participación e asistencia de conselleiros, viceconselleiros, directores, subdirectores e técnicos das distintas comunidades costeiras de España, senadores, deputados, axentes sociais e económicos e representantes da cadea mar-industria así como doutras entidades con intereses no eido marítimo-costeiro.
O cumio arrancou o venres coa videoconferencia-coloquio inaugural do maxistrado do Tribunal Constitucional César Tolosa, autor da histórica sentenza do Alto Tribunal que avalou a constitucionalidade da Loxilga, fronte ao recurso interposto polo Goberno central contra ela.
Na xornada de onte interviron distintos expertos e representantes institucionais entre os que estiveron o director do Observatorio do litoral de Galicia -cun papel chave na redacción da Loxilga-, Javier Sanz Larruga, que impartiu o relatorio Un paso máis cara a ordenación e xestión integrada do litoral español, e o investigador do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) de Vigo, do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Francisco Saborido, co relatorio CSIC: programa de ciencias mariñas e investigación ao servizo dos desafíos do litoral.
A maiores, celebráronse dúas mesas redondas nas que se abordaron as diferentes visións na xestión do litoral existentes en España e as distintas casuísticas existentes entre a franxa cantábrico-atlántica e a mediterránea.
Debates
Na primeira, centrada na visión atlántico-cantábrica do litoral participaron a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez; a conselleira de Alimentación, Desenvolvemento Rural, Agricultura e Pesca do País Vasco, Amaia Barredo; o conselleiro de Ordenación do Territorio, Urbanismo, Vivenda e Dereitos Cidadáns do Principado de Asturias, Ovidio Zapico; o conselleiro de Fomento, Vivenda, Ordenación do Territorio e Medio Ambiente de Cantabria, Roberto Media; e o director xeral de Costas e Xestión do Espazo de Canarias, Antonio Acosta.
A segunda, coa visión mediterránea sobre a costa, contou coa presenza do conselleiro de Mar e Ciclo da Auga das Illas Baleares, Juan Manuel Lafuente; do viceconselleiro de Sostibilidade e Medio Ambiente de Andalucía, Sergio Arjona; do director xeral de Costas, Portos e Aeroportos da Comunidade Valenciana, Marc García; e do subdirector xeral de Actuacións no Litoral de Cataluña, Xavier Berga.
Despois destas mesas redondas o vicepresidente segundo e conselleiro para a Recuperación, Medio Ambiente, Infraestruturas e Territorio da Comunidade Valenciana, Vicente Martínez, impartiu o relatorio A lei da costa valenciana: un novo marco estratéxico para a protección e xestión do litoral, que foi o paso previo a que a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia clausurase o evento.