A Xunta adxudica por 1,1 M€ a subministración e posta en marcha dun sistema integral de xestión de imaxe para o bloque cirúrxico do Hospital Novo Montecelo

Este equipamento está especificamente deseñado para levar a cabo intervencións de cirurxía convencional e intervencións minimamente invasivas de alto risco guiadas por imaxe

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2025

 A Xunta, a través do Servizo Galego de Saúde, vén de publicar no Portal de Contratos Públicos de Galicia a adxudicación, á empresa EDNON S.L. e por importe de 1.188.341 euros, da subministración, instalación e posta en marcha dun sistema integral de xestión de imaxe con destino ao bloque cirúrxico do Hospital Novo Montecelo de Pontevedra.

Cada un dos 11 quirófanos que conforman este bloque contará coa incorporación deste novo sistema, que garantirá a xestión, enrutamento, distribución, gravación e transmisión de vídeo, audio e datos en tempo real, e facilitará a integración cos sistemas corporativos do centro (HIS, PACS, etc.). 

O quirófano híbrido co que contará o centro hospitalario pontevedrés tamén estará dotado dun sistema de videoconferencia e streaming especificamente deseñado para levar a cabo intervencións de cirurxía convencional e intervencións minimamente invasivas de alto risco guiadas por imaxe.

Ademais do sistema integral de xestión de imaxe, este equipamento conta cun equipo de monitorización, mesa de exploración, ferramentas de visualización, columna de anestesia, subministro e cirurxía, así como un sistema integro de iluminación cirúrxica.

Data de actualización: 21/11/2025