A Xunta destaca na Coruña a súa aposta por formar e reter o talento da mocidade con medidas que no 2026 suporán un investimento de preto de 30 M€

A Coruña, 25 de novembro de 2025

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou no acto de inauguración da XVIII Feria de emprego de talento novo, organizada pola Cámara de Comercio da Coruña. Alí sinalou que esta iniciativa concorda coa aposta do Goberno galego pola formación e retención do talento mozo. Unha aposta, engadiu que se reforzará no 2026 cunha batería de medidas que, no seu conxunto, suporán un investimento de preto de 30 M€. 

Entre as iniciativas que salientou Pablo Fernández están as englobadas na Estratexia Mocidade Activa, coa que se seguirán impulsando todas as accións favorecedoras da empregabilidade deste colectivo (programas primeira experiencia profesional —6,3 M€—, Galicia Suma Talento: Emprégate, no que 4 M€ se destinarán á mocidade, Investigo —preto de 5 M€— e Cooperas, no que, dos máis de 15 M€ de orzamento, 10 estarán destinados á contratación de persoas novas). Ademais, a Xunta tamén conta coas Bolsas Excelencia Mocidade Exterior, BEME (2,5 M€) para atraer e fixar talento en Galicia e porá a disposición novos apoios para aprendices e o emprendemento destinado aos mozos, un dos colectivos prioritarios para o Executivo nas políticas de emprego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/11/2025