Medio Rural reforza a promoción dos queixos galegos de calidade diferenciada cunha nova cata na que participan 31 queixerías

A conselleira María José Gómez visitou hoxe no Pazo de Quián de Sergude aos profesionais que están a avaliar un total de 66 mostras

A titular de Medio Rural puxo en valor as cifras das catro denominacións de orixe protexidas de queixos galegos, que no 2024 produciron arredor de sete millóns de quilos de queixo, cun valor económico estimado que superou os 58 millóns de euros

Boqueixón (A Coruña), 26 de novembro de 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou esta mañá o Pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón), onde se están a avaliar as mostras participantes da XXVIII Cata dos Queixos de Galicia. Alí destacou o reforzo pola promoción dos queixos galegos de calidade diferenciada a través dunha nova edición deste certame no que participan 31 industrias queixeiras da nosa comunidade, cun total de 66 mostras.

Estas mostras distribúense do seguinte xeito: DOP Queixo Tetilla (16 mostras); DOP Arzúa-Ulloa e Azrúa-Ulloa Curado (19 mostras); DOP San Simón da Costa e San Simón Curado (13 mostras); DOP Cebreiro e Cebreiro Curado nas categorías Cebreiro e Cebreiro Curado (3 mostras entre ambas); Queixos Ecolóxicos (6 mostras); e Queixos Artesáns de Galicia (9 mostras). O panel de cata está integrado por 12 expertos encargados de analizar totalmente a cegas e de forma minuciosa estas mostras, para pasar a seleccionar as marcas gañadoras.

Neste acto, a titular de Medio Rural puxo en valor a puxanza do sector queixeiro galego, tanto desde o punto de vista social como económico. Así, destacou que, con datos de 2024, só as catro denominacións de orixe protexidas suman máis de medio cento de queixerías en toda Galicia, que producen arredor de sete millóns de quilos de queixo ao ano e que representan un valor económico estimado de máis de 58 millóns de euros.

Tendo en conta estes datos, a conselleira cualificou a produción queixeira como “un  sector de referencia no rural galego, que dá valor engadido ao noso leite e que contribúe de xeito moi destacado a crear emprego e riqueza, así como a fixar poboación”. Por iso, subliñou, a Xunta aposta claramente por iniciativas como as catas, tanto de queixos como de meles ou viños, para poñer en valor a extraordinaria calidade do produto e as súas moitas posibilidades. Porque todas estas producións, remarcou Gómez, veñen reforzar claramente a filosofía de Galicia Calidade que se defende e fomenta desde a Xunta.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/11/2025