A Xunta acorda cos 12 concellos da Área de Transporte Metropolitano de Vigo prorrogar o convenio para os próximos dous anos
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, presidiu esta mañá a Comisión de Seguimento do Plan de Transporte Metropolitano desta área, que suporá unha achega anual de 1,3M€ por parte da Xunta e 354.000 euros dos municipios que a integran
Vigo, 26 de novembro de 2025
A Xunta e os 12 concellos da área de transporte metropolitano (ATM) de Vigo acordaron hoxe por unanimidade prorrogar o convenio para os próximos dous anos, segundo se acordou na comisión de seguimento do Plan de Transporte Metropolitano desta área que presidiu a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela e na que tamén participou a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz. Así, a Xunta destinará máis de 1,3 millóns de euros ao ano, o 80% dos case 1,7 millóns do importe total do acordo, mentres que os 12 municipios da área achegarán os 354.000 euros anuais restantes.
A prórroga deste acordo súmase ás formalizadas o ano pasado nas áreas da Coruña, Ferrol, Lugo e Santiago de Compostela, cun investimento total nas 5 áreas de máis de 8 millóns, dos que máis de 6,3 millóns corresponden á Xunta. A medida garante o mantemento das bonificacións nas tarifas do autobús metropolitano aos viaxeiros de 65 concellos das áreas das cinco cidades, entre eles os 12 da área viguesa.
Cómpre destacar que a ATM de Vigo inclúe os concellos de Baiona, Cangas, Fornelos de Montes, Moaña, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño e Soutomaior. Vigo non se atopa incluído ante a negativa do Concello de integrar o autobús urbano no Plan de Transporte Metropolitano.
Estes municipios están conectados por unha rede de autobús interurbano conformada por máis de 280 liñas, que prestan servizo en máis de 3.000 paradas funcionais e nas que se ofrecen máis de 220.000 servizos ao ano en máis de 5,9 millóns de quilómetros de servizo.
Canto á evolución da demanda, rexistráronse máis de 3,7 millóns de viaxes bonificadas en 2024 no ámbito da ATM, un 6,3% máis que en 2023, e ata setembro deste ano a cifra de viaxeiros rexistra outro incremento dun 3,8% con respecto ao mesmo período do ano pasado.
No marco deste convenio, polo que se aplican as tarifas metropolitanas bonificadas ás viaxes pagadas coa Tarxeta de Mobilidade de Galicia (TMG), a Xunta continuará a financiar o 80% da bonificación no traxecto principal e os concellos o 20% restante. Ademais, a Xunta financia o 100% dos transbordos, que son gratuítos entre os medios integrados, e as bonificacións adicionais aos usuarios recorrentes (15%) e membros de familias numerosas, de ata o 50%. Cómpre destacar que esta área inclúe o transporte de ría entre Vigo e as vilas de Cangas e Moaña, que representa case o 40% do total de viaxes bonificadas.
Ademais, a veciñanza dos concellos desta área pode beneficiarse dos descontos da Tarxeta da Mobilidade de Galicia (TMG) no transporte interurbano da comunidade, así como da gratuidade de 60 viaxes mensuais para menores de 21 anos coa Tarxeta Xente Nova e para os maiores de 65 anos coa Tarifa +65.