A Xunta destina este ano máis de 62.000 euros en axudas para equipamento deportivo a 14 clubs e entidades de Ferrolterra

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros visitou esta mañá o club Kang en Fene, un dos beneficiarios destas achegas da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

A convocatoria destinada a clubs deportivos galegos, sociedades anónimas deportivas e ás federacións contou cun orzamento próximo aos 1,5 M€

Fene (A Coruña), 26 de novembro de 2025

A Xunta concedeu este ano máis de 62.000 euros en axudas a 14 clubs e entidades deportivas de Ferrolterra para a adquisición de equipamento deportivo. A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, informou destas achegas da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes durante a visita a un dos club beneficiarios, o Kang de Fene, que percibiu preto de 4.400 euros para a adquisición de novos tatamis e material de protección.

A delegada territorial destacou a importancia de apoiar ás entidades deportivas a través de axudas coma esta que “melloran a súa competitividade e reforzan o seu papel como promotores de hábitos de vida saudable, á hora de ofrecer nas súas instalacións un entorno estruturado para a actividade física, a socialización e a aprendizaxe”.

Esta orde de axudas destinada a clubs deportivos galegos, sociedades anónimas deportivas e as federacións contou este ano cun orzamento próximo aos 1,5 M€ distribuídos en dúas liñas, en función da natureza dos destinatarios. A primeira delas foi para os clubs deportivos e sociedades anónimas deportivas (1.162.000 euros), mentres que a segunda estivo destinada ás federacións deportivas (278.000 euros).

Aneiros lembrou que esta liña de subvencións para equipamento deportivo chega despois de que en 2023 a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes levase a cabo a primeira orde específica para equipamentos de deporte adaptado pola que se concederon axudas por importe de 227.000 euros. Con anterioridade, en 2022, a Xunta acadou o récord histórico de investimento neste sentido con máis de 4,6 millóns de euros para equipamentos deportivos. En total, dende o exercicio 2019 e sumando esta nova liña, o Goberno galego destinou un total de 12 millóns de euros a subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/11/2025