Galicia urxe a reforma do sistema de financiamento autonómico para resolver as dificultades que teñen as CC.AA. na prestación dos servizos públicos básicos
O conselleiro de Facenda e Administración Pública lembra que as rexións están infrafinanciadas e que a reforma do sistema de financiamento autonómico é urxente
Amósase convencido de que as CC.AA. serán flexibles na negociación se o Goberno central presenta un novo modelo con máis recursos e ponderando os custos de prestación dos servicios
Miguel Corgos participou en Valencia na inauguración das XIII xornadas RIFDE sobre Finanzas Autonómicas e na mesa redonda titulada O punto de vista das CC.AA.
Valencia, 26 de novembro de 2025
Galicia urxe a reforma do Sistema de Financiamento Autonómico para resolver as dificultades que teñen as Comunidades Autónomas na prestación dos servizos públicos básicos. A Xunta amosa a súa preocupación pola regra de gasto actual, que limita o incremento da capacidade de gasto das Comunidades Autónomas a algo máis do 3% cada ano, cando as proxeccións en gasto social apuntan a necesidades maiores. O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, explicou que, de non corrixirse nos vindeiros anos, haberá unha diverxencia entre a capacidade de gasto das autonomías e as súas necesidades reais.
Miguel Corgos lembrou que todas as CC.AA. están infrafinanciadas e mentres o problema medra cada ano, a reforma do Sistema de Financiamento Autonómico é urxente e é o Goberno central quen ten que presentar un novo modelo asumible para as comunidades.
Durante a súa participación na inauguración das XIII Xornadas da Rede de Investigadores en Financiamento Autonómico e Descentralización Financeira (RIFDE) -que se celebran en Valencia- e na mesa redonda O punto de vista das CC.AA., o responsable da Facenda galega recordou que Galicia, nas condicións actuais, precisa un mínimo de 500 millóns de euros adicionais para cubrir os custes de prestación dos servizos, máis caros pola dispersión da poboación, única en España.
Miguel Corgos puxo en valor a responsabilidade das CC.A.A. e amosouse convencido de que todas saberán ceder se o novo modelo que o Goberno central presenta ten máis recursos e pondera de maneira axeitada os custos de prestación dos servizos.
A condonación non incrementa a capacidade de gasto
O conselleiro de Facenda e Administración Pública insistiu unha vez máis en que a condonación da débeda debería estar fóra do taboleiro. Galicia non ten un problema de débeda, e a condonación nin resolvería as eivas de financiamento nin permitiría maior capacidade de gasto. A proposta, ademais, incrementaría en 600 millóns de euros a débeda para a cidadanía galega, xa que se retirarían 4.000 M€ da débeda autonómica pero habería que asumir 4.600 M€ do conxunto do Estado.
Miguel Corgos quixo recalcar tamén que a Comunidade galega non depende da votación da senda de estabilidade para ter máis ingresos, xa que o déficit proposto (0,1%) no Consello de Política Fiscal e Financeira é incompatible coa regra de gasto, polo que non se podería dispor de maiores recursos.
Miguel Corgos rematou poñendo en valor as xornadas RIFDE, que baixo o lema Finanzas autonómicas: Son sostibles as traxectorias de gasto? consolídanse como foro independente de reflexión e transferencia de coñecemento sobre o modelo de descentralización financeira.