Galicia reúne ao Comité de seguimento do programa do Fondo de transición xusta de España para avanzar no apoio aos territorios afectados pola transición enerxética

A Xunta organiza o sexto Comité de Seguimento do Programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021-2027

O encontro compleméntase cunha visita hoxe á zona de transición xusta de Meirama e á exposición de dous proxectos financiados con estes fondos

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2025

Galicia reúne este mércores 26 e o xoves 27 de novembro ao comité de seguimento do programa do Fondo de Transición Xusta de España para avanzar no apoio aos territorios afectados pola transición enerxética

A Xunta de Galicia organizará, deste xeito, a sexta reunión do Comité de seguimento do Programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021–2027, que terá lugar mañá xoves, na Sala de Plenos do Consello Económico e Social de Galicia, e contará coa presenza do director xeral de Cohesión e Fondos Europeos, Ángel Tarrío, xunto con representantes da Comisión Europea, da Dirección xeral de Fondos Europeos do Ministerio de Facenda que preside o Comité, das comunidades con territorios de transición xusta e co Instituto para a Transición Xusta. Ademais da presenza de representantes doutros fondos europeos e das organizacións máis representativas nos eidos económico e social.

Cómpre recordar que o Fondo de Transición Xusta ten como finalidade apoiar aos territorios afectados pola transición cara á neutralidade climática e conta cunha cofinanciación europea de 868,7 M€ para España, dos que a provincia da Coruña ten asignados o 12,8% (111,4 M€), para financiar, principalmente, proxectos de descarbonización e renovación industrial, proxectos empresariais que xeren actividade económica e emprego, así como iniciativas de formación, cualificación e inserción laboral.

O encontro compleméntase cunha visita no día de hoxe á zona de transición xusta de Meirama, que contará coa presenza dos representantes municipais da zona. Posteriormente, visitarase o museo da minería e o lago das Encrobas e expoñeranse dous proxectos financiados con estes fondos na Coruña: Activa Verde, presentado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, sobre a creación de recursos de fomento da inserción laboral; e un proxecto das empresas beneficiarias da convocatoria do Instrumento Financeiro impulsado polo IGAPE.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/11/2025