O Servizo Galego de Saúde publica a relación de aspirantes seleccionados no concurso-oposición para o ingreso na categoría de médico de familia e o inicio do prazo para a elección de destino
Ofértanse un total de 271 prazas, que se corresponden co número de aspirantes definitivamente seleccionados
A elección de destino será telemática a través de Fides/expedient-e, evitando o desprazamento das persoas seleccionadas
Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2025
O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición hoxe, unha resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se dá a coñecer a relación de aspirantes definitivamente seleccionados no concurso-oposición para o ingreso na categoría de médico de familia de atención primaria e se abre o prazo para a elección de destino.
Ofértanse un total de 271 prazas, que se corresponden co número de aspirantes definitivamente seleccionados. Deles, 237 accederon pola quenda de acceso libre, 25 pola de promoción interna e 9 pola quenda de discapacidade xeral.
Coa publicación desta resolución, ábrese un prazo de dez días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución (do 28 de novembro ao 12 decembro de 2025), para que todos os aspirantes que participan no proceso seleccionen telematicamente, a través do sistema de información Fides/expedient-e, os destinos ofertados por orde de prelación entre a relación de prazas ofertadas.
Procedemento de elección de destino
A elección de destino realizarase a través do sistema de información Fides/expedient-e, conforme as bases de procedemento publicadas no Diario Oficial de Galicia do 5 de xuño de 2020.
A aplicación informática fará visibles todas e cada unha das prazas que se ofertan na respectiva categoría e facilitará información ao aspirante da posición e orde de prelación que ocupa no proceso, a efectos de elección de destino, segundo a quenda de participación e puntuación acadada nel.
A selección de destinos efectuarase por orde de preferencia e requirirá a sinatura electrónica e presentación por rexistro electrónico.
O aspirante disporá das mesmas opcións que no acto presencial. Así, a aplicación permitirá a renuncia á participación na elección de destino e mesmo a elección dun número de prazas inferior ao da posición que ocupa no proceso.
Finalizado o prazo para a selección de destinos, o sistema de información efectuará a adxudicación automática, en función da quenda e orde de prelación acadada por cada aspirante no proceso e atendendo á orde de preferencia na selección de destinos efectuada por este.
Este procedemento telemático redunda nunha maior axilidade e simplificación dos procesos selectivos e supón un avance no dereito dos cidadáns de relacionarse electronicamente coas administracións públicas. Asegúrase a continuidade asistencial e o normal funcionamento dos centros sanitarios e evita o desprazamento dos aspirantes.
Os aspirantes seleccionados poden dirixir todas as dúbidas e consultas relacionadas con este proceso selectivo ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es.