A Xunta aposta pola conservación do patrimonio e protexe a envolvente do edificio da Casa Jaureguizar
A resolución abre as portas a unha posible remodelación do edificio, sempre e cando se respecten as características ambientais da súa envolvente e se apliquen os tratamentos necesarios para garantir a correcta conservación do edificio
A Xunta considera que existen alternativas e técnicas construtivas modernas que permiten solventar os problemas da edificación
Pontevedra, 28 de novembro de 2025
A Xunta acaba de resolver o expediente no que abre as portas a unha remodelación da Casa Jaureguizar, sempre e cando se respecten as características ambientais da súa envolvente e se apliquen os tratamentos necesarios para garantir a súa correcta conservación.
Así, a resolución nega a declaración de ruína técnica, presentada polo Concello de Vilagarcía de Arousa, ao entender, tras analizar os informes técnicos, que existen alternativas e técnicas construtivas que permiten solventar os problemas do edificio conservando a súa envolvente.
Cabe destacar que se trata dun ben catalogado e cun importante valor patrimonial e cultural, polo que desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude apóstase pola conservación e protección deste inmoble, tendo en conta o amplo abano de posibilidades de tratamento e conservación que existen para este tipo de estruturas. Con todo, o informe contempla a posibilidade de dar un novo uso a este edificio, o que permitiría alargar a vida útil da construción.
Neste sentido, a Xunta mantense aberta a novas propostas por parte do Concello de Vilagarcía que aseguren a protección do patrimonio de todos os galegos e galegas e que á vez permitan darlle o uso que corresponda á coñecida como Casa Jaureguizar.