A Xunta e a Cohors III invitan aos lucenses a afondar no pasado romano da man do escritor Santiago Posteguillo

Promoven conxuntamente a conferencia que o autor ofrecerá en Lugo o 2 de decembro,  no marco da celebración do 25 aniversario da Muralla como Patrimonio Mundial 

Lugo, 28 de abril de 2025

A Xunta de Galicia e a asociación Cohors III Lucensium colaboran na organización da conferencia que ofrecerá en Lugo o escritor Santiago Posteguillo, no marco das actividades programadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para celebrar o 25 aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade. 

O delegado territorial, Javier Arias, e representantes do colectivo de recreación histórica, convidaron hoxe aos lucenses a asistir a este evento, que terá lugar no salón de actos da Delegación Territorial o próximo martes 2 de decembro a partir das 20,00 horas. A entrada será libre e gratuíta ata completar a capacidade. Ao preverse unha alta afluencia de público, aconséllase chegar con antelación.

O relatorio leva por título O corazón romano de Galicia: o pálpito dunha historia que non termina. Afondará na chegada dos romanos a Hispania, en xeral, e ao noroeste da península en particular, incidindo na importante pegada histórica, cultural e social que supuxo a romanización de todo este territorio.

Posteguillo presentará tamén neste acto o seu libro ‘Os tres mundos’ do que, ao remate, asinará exemplares a todos os asistentes que así o desexen.

O escritor valenciano é un especialista na antiga Roma, na que ambienta boa parte da súa exitosa obra literaria. Ao longo da súa carreira logrou numerosas distincións, entre as que destacan o premio Planeta no 2018 -pola novela Yo, Julia-, o Premio Internacional de Novela Histórica de Barcelona no 2014 e o das Letras da Comunidade Valenciana no 2010.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/11/2025