O ‘Xuventude Crea 2025’ premia o talento musical de dous mozos artistas de Vigo e dun de Ourense
‘Obsesión’, ‘Lembrar’, ‘Empatía, un idioma para entendelo todo’, ‘Son de Ourense’, ‘Fantasía sobre Lela’ e ‘Sonata nº 48’ de Haydn foron as seis pezas protagonistas
Cada un dos gañadores compuxo ou interpretou estes temas polos que resultaron distinguidos na final celebrada no Gaiás, no marco do encontro ‘Xuventude na onda’
O certame terá unha gala final o 19 de decembro, na Cidade da Cultura, onde se entregarán os galardóns das súas 16 especialidades
Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2025
O certame Xuventude Crea 2025 premiou hoxe na categoría de música os proxectos Obsesión e Lembrar, de Martín Rodríguez, natural do concello pontevedrés de Vigo; Empatía, un idioma para entendelo todo e Son de Ourense, de Abraham Santiago Reboredo, do municipio ourensán do Carballiño; e Fantasía sobre Lela e Sonata nº 48 en mi maior de Joseph Haydn, de Alba Raña, natural tamén da cidade olívica.
Así se deu a coñecer na final celebrada esta tarde na Cidade da Cultura, no marco do Xuventude na onda, un encontro organizado pola Xunta de Galicia que reúne desde hoxe a mocidade galega ao redor de actividades para fomentar sinerxías e novas oportunidades de colaboración.
Deste xeito, os dous temas musicais de Martín Rodriguez que se fixo co primeiro premio son cancións de carácter intimista e reflexivos. No caso de Obsesión, aborda os dilemas de inseguridades da elección profesional vencellada ás artes, mentres que Lembrar é unha composición que afonda na melancolía.
Pola súa banda, Abraham Santiago Reboredo conseguiu o segundo galardón desta categoría cunha composición como Empatía, un idioma para entendelo todo, na que recoñece que a intencionalidade está reflectida no mesmo título, mentres que con Son de Ourense xoga e pon no centro a improvisación.
Finalmente, Alba Raña quedou en terceira posición na categoría de Música do Xuventude Crea 2025 con dúas propostas musicais que se destacan pola súa brillantez. Así, interpretou Fantasía sobre Lela, de Juan Durán, un dos temas populares galegos máis recoñecidos e con grande arraigamento no afecto popular, especialmente neste Ano Castelao, e tamén tocou nesta final a coñecida Sonata e mi maior de Joseph Haydn.
16 especialidades
A música é unha das 16 especialidades que se inclúen no Xuventude Crea, que segue a consolidar a súa alta participación, volvendo rexistrar ao redor de 600 persoas inscritas este ano. A iniciativa chega á súa décimo sexta edición como un dos programas máis recoñecidos pola mocidade, gozando de moi boa reputación no eido cultural e artístico galego.
Por el terán pasado, coa participación deste 2025, algo máis de 6.000 mozos e mozas, con máis de 4.000 obras e proxectos creativos, e teranse repartido 700 premios cunha dotación que se aproxima a 1M€ en total. A gala final do certame terá lugar o vindeiro 19 de decembro na Cidade da Cultura.