A Xunta colabora co Concello de Sarria para mellorar o equipamento do matadoiro municipal
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que a Consellería do Medio Rural destina 30.000 euros a través dun convenio co Concello
Os fondos permitirán instalar un box de inmobilizado para atordado de vacún, con empuxe e suxeición da cabeza, acorde coa normativa vixente
O obxectivo é contribuír á prestación do servizo nunha comarca con intensa actividade agropecuaria, que alberga un número importante de salas de despece e pequenos talleres cárnicos, polo que o matadoiro é de grande interese para o sector
Sarria (Lugo), 1 de decembro de 2025
A Consellería do Medio Rural colabora co Concello de Sarria para a adquisición e instalación dun box de atordamento no matadoiro municipal.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe as instalacións, onde anunciou que a Xunta achegará 30.000 euros a través dun convenio coa administración local, co fin de facilitar a prestación do servizo nas mellores condicións posibles.
Os fondos permitirán ao Concello mercar e facer unha obra de instalación dun box de inmobilizado para atordado de vacún con empuxe e suxeición da cabeza que cumpra coa normativa vixente.
Arias subliñou que se trata dunha actuación prioritaria para a comarca de Sarria, onde o sector agrogandeiro é estratéxico. A zona rexistra unha intensa actividade agropecuaria e alberga un número importante de salas de despece e pequenos talleres cárnicos, polo que o matadoiro é de grande interese para o sector.
Redución de custos
Esta medida forma parte da acción da Xunta para impulsar o sector primario da provincia, contribuíndo a que os gandeiros locais poidan comercializar os seus produtos en instalacións próximas e reducindo así os custos.
Arias incidiu en que o Goberno galego seguirá traballando para dinamizar a economía nos concellos rurais, con actuacións que contribúan á creación de emprego e ao asentamento de poboación.