A Xunta destaca que o grao de execución do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2022 achégase ao 95 % e supera a media nacional e europea

O secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural, Jorge Atán, participou en Madrid na xornada de exame de rendemento do programa, organizada polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación

Madrid, 2 de decembro de 2025

O Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2022 acada un grao de execución do 94,9 %, dato superior á media tanto dos programas españois como europeos. Así, a media nacional sitúase no 91,8 % e a europea no 93,7 %. Estas cifras foron destacadas hoxe polo secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural, Jorge Atán, na súa condición de Autoridade de Xestión do PDR en Galicia.

Fíxoo durante a súa participación na reunión de exame de rendemento do programa que tivo lugar na sede do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA). Neste encontro, as diferentes comunidades autónomas dan conta do balance dos seus respectivos plans, para realizar unha avaliación conxunta destas políticas.

O PDR de Galicia ten unha dotación de 1.606 millóns de euros de gasto público total, dos cales 1.224 millóns corresponden a fondos Feader. Tendo en conta as previsións dos organismos xestores competentes, agárdase que o volume de pagamentos materializados neste mesmo mes de decembro supere o 99 % para o conxunto do programa, segundo subliñou Atán, quen mañá participará tamén na sesión de peche destas xornadas de traballo xunto co director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño.

Data de actualización: 02/12/2025