A Xunta expón 400 debuxos realizados por escolares de Lugo para conmemorar os 25 anos da Muralla como Patrimonio Mundial

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude apelou á creatividade dos nenos e nenas lucenses convidándoos a realizar deseños baixo o lema A Muralla de Lugo: un desexo, un recordo, unha felicitación

Lugo, 4 de decembro de 2025

A Delegación Territorial da Xunta exporá durante o mes de decembro arredor de 400 debuxos realizados por escolares de Lugo co gallo da celebración dos 25 anos da Muralla como Patrimonio da Humanidade.

O delegado territorial, Javier Arias, agradeceu aos rapaces e aos centros educativos a súa participación nesta convocatoria, efectuada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude dentro dos actos conmemorativos que se están a desenvolver estes días.

“O obxectivo é facer partícipes aos máis pequenos da homenaxe ao Monumento máis emblemático da cidade de Lugo”, dixo Arias. Para iso, apelouse á creatividade dos nenos  e nenas convidándoos a enviar unha felicitación en formato gráfico – debuxos, pinturas, collage ... - baixo o lema A Muralla de Lugo: un desexo, un recordo, unha felicitación.

O delegado gabou o resultado dos traballos, que se exhibirán durante todo o mes no corredor da planta de entrada do edificio administrativo da Xunta en Lugo, na ronda da Muralla.

Arias destacou o éxito da programación organizada polo Goberno galego para celebrar este aniversario, na que destaca a conferencia do escritor Santiago Posteguillo  e o concerto da pianista galega Isabel Dobarro, premio Grammy Latino 2025 ao Mellor álbum de música clásica por Kaleidoscope.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/12/2025