A Xunta reúnese cos concellos da Área de Transporte Metropolitano de Santiago para avaliar o estado do servizo
A directora xeral de Mobilidade reúnese con representantes dos 18 concellos da área para avaliar o funcionamento do sistema e atender as necesidades trasladadas polos municipios
O encontro enmárcase no compromiso da Xunta de celebrar comisións de seguimento cada seis meses
Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2025
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontenla, presidiu hoxe unha reunión da comisión de seguimento da Área de Transporte Metropolitano (ATM) de Santiago de Compostela. Este encontro contou coa participación de representantes dos 18 concellos que conforman este espazo e permitiu avaliar o funcionamento do sistema e revisar as actuacións desenvolvidas pola Xunta de cara a mellorar o transporte público desta área.
Estas reunións periódicas responden ao compromiso do Goberno galego de convocar a comisión de seguimento de cada área metropolitana unha vez cada seis meses. A sesión celebrada hoxe completa as feitas nos últimos meses nas ATM da Coruña, Ferrol e Lugo.
Ao longo do encontro, a Xunta e os concellos repasaron as melloras introducidas na rede metropolitana e trasladáronse outras novas que serán avaliadas pola Dirección Xeral de Mobilidade.
Entre algunhas das actuacións das que se deu conta está a incorporación dunha nova parada a demanda na Muíña na liña IES Arzúa-Touro a petición do Concello de Touro. Pola súa banda, en Oroso creouse unha parada no Empalme de Trasmonte, integrada na liña A Coruña–Ordes–Santiago e operativa en ambos sentidos desde o pasado 20 de outubro.
Tamén se informou da avaliación solicitada polo Concello de Ordes respecto da incorporación do IES nº 1 nas liñas integradas do IES Maruxa Mallo. Ademais, a petición do Concello de Val do Dubra, modificouse a configuración da liña Rúa da Rosa–Portomouro, convertendo en fixas paradas que antes funcionaban a demanda.
No referido ás peticións trasladadas polo Concello de Teo, incorporouse a parada A Torre 78 na liña circular con saída na Ramallosa e que fai parte do Servizo de Interese Municipal (SIMU) que opera na localidade.
En Rois introduciuse a nova parada Tourís Norte na ruta Extramundi–Santiago e, no caso de Vedra, corrixiuse a realización da parada de Ribadulla para mellorar a súa operatividade.
A ATM de Santiago de Compostela está formada polos concellos de O Pino, Touro, A Baña, Negreira, Oroso, Trazo, Ordes, Santiago de Compostela, Val do Dubra, Ames, Brión, Boqueixón, Teo, Vedra, Rois, Padrón, Vila de Cruces e A Estrada. Nesta área operan 432 liñas que dan servizo a 2.052 paradas, cun total de 361.590 servizos anuais e 13,8 millóns de quilómetros percorridos.