A Xunta consolida os estudos de galego no Bierzo e Sanabria con 30 alumnos máis neste curso 2025-2026
En total, os centros de ensinanza non universitaria que imparten estas clases suman 1.207 matrículas, superando as 1.079 do período 2024-2025
Consolídase así a participación no programa de promoción da lingua posta en marcha polo Goberno leonés co apoio do Executivo galego
Trátase de estudos voluntarios que, ademais da formación lectiva, tamén contan con actividades extraescolares para potenciar o coñecemento da cultura galega
A proxección exterior do idioma é unha das temáticas específicas das comisións constituídas para levar a cabo a renovación do Plan xeral de normalización
Fóra de Galicia estudan galego neste 2025 máis de 4.400 persoas a través de lectorados, Institutos Cervantes ou Centros Galegos, entre outros
Santiago de Compostela, 8 de decembro de 2025
O Programa de promoción do galego nos territorios de Castela e León limítrofes con Galicia consolídase chegando neste curso 2025-2026 ás 1.207 persoas matriculadas, case 30 máis que no curso pasado, afianzando deste xeito o interese pola aprendizaxe da lingua e o compromiso do Goberno autonómico co seu impulso máis alá da propia Comunidade.
Son datos que vén de confirmar a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude tras a reunión da comisión de seguimento do programa, conformada por ambos os dous Gobernos, para analizar e valorar os resultados e abordar as accións dos vindeiros meses.
Neste senso, cómpre lembrar que se trata dunha iniciativa do Executivo leonés apoiada pola Xunta de Galicia ao abeiro dun protocolo de colaboración asinado en 2006 para potenciar os estudos de galego, de carácter voluntario, na ensinanza non universitaria no Bierzo e en Sanabria. Deste xeito, este ano participan nesta formación 13 centros de Educación infantil e Primaria da comarca do Bierzo e un da comarca de Sanabria (Lubián), que suman 991 estudantes. Tamén se imparten clases en catro centros de secundaria do Bierzo, con 158 alumnos, e na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada, con 58 matrículas.
A estes estudos, únenselle outras actividades extraescolares, complementarias ás lectivas, que permiten potenciar o coñecemento da lingua e da cultura galegas. No calendario deste curso está prevista a organización das XVIII Xornadas Martín Sarmiento, así como propostas para celebrar as Letras Galegas e mesmo unha viaxe do alumnado participante a Galicia.
Cómpre lembrar, ademais, que a Xunta convoca cada ano en Ponferrada os exames Celga, que certifican o coñecemento do galego, e que resultan unha ferramenta fundamental para acreditar o dominio da lingua ao tempo que impulsa o seu prestixio. Así, nas últimas probas, realizadas durante este ano en dúas quendas, en maio e novembro, foron 637 as persoas matriculadas na localidade leonesa para validar as súas competencias lingüísticas en lingua galega.
A proxección exterior da lingua
A proxección exterior da lingua, facendo fincapé no seu fomento noutras áreas onde se fala ou existe un alto grao de coñecemento, como son as zonas limítrofes con Galicia ou mesmo Europa e América, figura como unha das temáticas específicas das mesas de traballo que están ultimando a renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega, no marco do Pacto pola Lingua.
Cómpre salientar que en total neste 2025 estudan galego fóra da Comunidade máis de 4.400 persoas. Ás que estudan no Bierzo e Sanabria hai que sumarlle as 1.000 que están vencelladas a lectorados no estranxeiro e outras 407 a lectorados en diversas universidades españolas. Por outra banda, tamén se forman na lingua 950 persoas a través dos Centros Galegos, Casas de Galicia e Institutos Cervantes en moi diversos puntos do mundo. A estes hai que sumarlle os 500 alumnos do Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires e os 75 do Instituto Vicente Cañada Blanch de Londres.