Medio Rural colabora cos veciños de Benquerencia para acondicionar o edificio do Canteiro
A conselleira María José Gómez asistiu hoxe ao acto da recepción das obras de remodelación desta edificación, situada no concello lucense de Barreiros
Salientou que este tipo de actuacións contribúen a dinamizar o tecido socio-cultural do rural e a fixar poboación
Barreiros (Lugo), 7 de decembro de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, asistiu hoxe ao acto con motivo da recepción das obras de remodelación do edificio veciñal O Canteiro. Esta actuación foi posible grazas á sinatura dun convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e a Asociación Centro de Instrución e Recreo de Benquerencia.
En particular, as obras consistiron na adecuación exterior do recinto da devandita edificación, que se levaron a cabo dentro da categoría de proxectos concibidos para a promoción e posta en valor da vida social, cultural e educativa da comarca. A intervención supuxo un investimento total de máis de 23.000 euros.
Neste acto, a conselleira destacou a importancia deste tipo de actuacións para favorecer a dinamización socio-cultural do rural, na medida en que xeran un atractivo para que a xente desexe establecerse nestas contornas e desenvolver nelas o seu proxecto de vida.
Asemade, reiterou o compromiso do Goberno galego de seguir redobrando os seus esforzos para que o rural dispoña deste tipo de espazos, e que estean nas mellores condicións posibles.