A delegada da Xunta en Ferrol reitera o compromiso do Goberno galego co Banco de Alimentos Rías Altas

Ferrol, 9 de decembro de 2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o centro  de distribución que o Banco de Alimentos Rías Altas (Balrial) ten en Ferrol, máis concretamente no polígono da Gándara, onde mantivo unha reunión de traballo co seu coordinador, Manuel González, para coñecer o balance deste ano, así como as principais necesidades detectadas de cara ao próximo ano.

O Banco de Alimentos Rías Altas é unha entidade sen ánimo de lucro cuxa finalidade é a de recoller alimentos excedentes de procedencia moi diversas para distribuílos posteriormente entre diversas entidades colaboradoras da zona que traballan directamente coas persoas máis desfavorecidas. Segundo trasladou durante o encontro o seu coordinador, este ano lograron recoller máis de 42.000 quilos de alimentos en diferentes campañas, incluíndo a de maior calado, a Gran Recollida, que a entidade leva a cabo todos os ano no mes de novembro.

Aneiros destacou a importancia do labor social que levan a cabo entidades como o Banco de Alimentos Rías Altas e gabou especialmente a implicación da vintena de voluntarios que o fan posible. Durante a visita, reiterou tamén o compromiso do Goberno galego de seguir apoiando este tipo de iniciativas.

Este encontro enmárcase dentro da rolda de contactos que a delegada da Xunta mantén de maneira habitual co tecido asociativo da área territorial co fin de coñecer de primeira man as necesidades e demandas vinculadas á Administración autonómica.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/12/2025