O delegado territorial da Xunta, acompañado dos alcaldes de Toén e Barbadás, visitou o xacemento arqueolóxico do Castro de Trelle

Manuel Pardo louva o esforzo da Xunta pola recuperación e conservación do patrimonio da provincia de Ourense

O delegado territorial puxo en valor que en 2025 a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude incrementou de “xeito considerable” a partida reservada para arqueoloxía

Explicou que nesta intervención a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude inviste máis de 16.000 euros

Os traballos a desenvolver consistirán na realización dunha escavación arqueolóxicas en área nunha superficie total duns 80m2. A superficie de escavación farase coincidir continuando as sondaxes levadas a cabo en 2024

A finalidade desta actuación é seguir afondando na caracterización do ben e mellorar e ampliar o seu coñecemento científico e tamén achegar información relevante cara a planificar con maior eficacia futuras actuacións de escavación e de valorización

Ourense, 9 de decembro de 2025

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao concello de Toén para achegarse, acompañado do seu alcalde, Ricardo González, e do alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, ao Castro de Trelle, coincidindo co inicio dos traballos arqueolóxicos no ano 2025 para favorecer a súa investigación e documentación, que ademais permitan, no seu caso, a definición e caracterización de futuras intervencións arqueolóxicas, nos que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude inviste máis de 16.000 euros.

O delegado territorial puxo en valor o feito de que, trala  campaña anterior, nesta segunda faranse visibles algúns dos resultados destes “imprescindibles e valiosos traballos de recuperación e restauración, ao abeiro do Plan de actuacións arqueolóxicas de 2025”. Ao respecto, concretou que esta intervención forma parte das 81 programadas polo Goberno galego neste ano, “15 delas na provincia Ourense por valor de 260.000 euros”.

Manuel Pardo explicou que os traballos a desenvolver consistirán na realización dunha escavación arqueolóxicas en área nunha superficie total duns 80m2. A superficie de escavación farase coincidir continuando as sondaxes levadas a cabo en 2024 (Sondaxe en Toén de 45m2 e Sondaxe de Barbadás de 35m2).

Posteriormente á escavación arqueolóxica procederase ao tapado provisional con elemento diferenciador e terra da propia entulleira, á espera de definir unha actuación de consolidación e restauración en funcións dos resultados e estado de conservación dos restos. A tal fin deberá definirse no seu día un proxecto de actuación específico.

A finalidade desta actuación é seguir afondando na caracterización do ben e mellorar e ampliar o seu coñecemento científico e tamén achegar información relevante cara a planificar con maior eficacia futuras actuacións de escavación e de valorización.

Non quixo deixar pasar a ocasión o delegado territorial para louvar a estratexia do Goberno galego de recuperar e protexer estes valiosos bens do noso patrimonio a través das escavacións arqueolóxicas tamén ten “moita transcendencia o labor de divulgación”. “A nosa historia pasada, actual e futura é froito deste legado que temos obriga de conservar e que aínda nos ten moito que contar”, argumentou.

Por estes motivos, puxo en valor que en 2025 a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude incrementou de “xeito considerable” a partida reservada para arqueoloxía. Ao respecto, atribuíu esta suba a que “cada vez son máis o número de lugares históricos e de actuacións que precisan de acondicionamento, conservación, investigación, catalogación e divulgación, xa que estamos ante uns bens culturais que posúen unha relevancia incuestionable para Ourense e para Galicia”, concluíu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/12/2025