A Xunta outorga autorización ambiental integrada ao proxecto para a produción de combustibles sólidos recuperados con residuos non reciclables en Sarria

Con esta resolución, dáse por completada a tramitación ambiental da iniciativa por parte da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e continúase co resto do procedemento administrativo necesario para a súa posta en marcha

O obxectivo da empresa promotora, Votorantim Cementos España, é contar no lugar de Oural cunha planta de xeración de combustibles que despois utilizará na fábrica de produción de cementos que xa ten na localidade

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2025

A Xunta outorgou Autorización Ambiental Integrada (AAI) a Votorantim Cementos para a construción dunha nova nave de produción de combustibles sólidos recuperados (CSR) a partir de residuos industriais e urbanos non reciclables no concello lucense de Sarria.

A resolución, emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, sairá publicada nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia e o proxecto poderá continuar a súa tramitación administrativa.

Deste xeito, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático dá por rematado o procedemento de avaliación ambiental ao que foi sometido esta iniciativa empresarial e no marco do cal a declaración de impacto ambiental (DIA) e mais a AAI foron tramitadas conxuntamente.

De feito, a comezos do pasado mes de agosto o departamento autonómico ditou DIA favorable á construción desta planta de produción de combustibles sólidos recuperados condicionada, en todo caso, a que se cumpran tanto o recollido no estudo de impacto ambiental e no resto da documentación presentada polo promotor, como os condicionantes e o programa de vixilancia ambiental que figuran na propia día.

Así, froito das consultas realizadas durante a fase de información pública, os organismos consultados consideraron que o proxecto non terá impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpran as condicións xerais e particulares establecidas nos seus respectivos informes.

A culminación dos trámites ambientais e as correspondentes resolucións favorables por parte da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, en todo caso, non eximen ao promotor -neste caso, a empresa Votorantim Cementos España- da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que sexan legalmente exixibles para a execución e posta en marcha deste proxecto.

Actividade das instalacións

O obxectivo da empresa promotora (Votorantim Cementos España) é contar cunhas novas instalacións nas que producir os CSR que despois se empregarán nos fornos de produción de cemento, dando servizo a unha actividade que xa queda fóra desta iniciativa. De feito, a parcela na que se prevé construír a nave -de 5.820 metros cadrados de superficie- conta con 215.282 metros cadrados de superficie e nela atópase a planta de produción de cementos da promotora na que se utilizarán eses novos combustibles.

O proxecto localízase concretamente no lugar de Oural, ao sur do concello de Sarria, e a nova edificación, que contará no exterior cunha zona pavimentada para o tráfico de vehículos, dividirase en tres zonas principais. A primeira delas é a zona de recepción e almacenamento do material entrante, onde os camións descargarán a materia prima e haberá un alimentador principal que descargará o material de entrada dunha cinta transportadora que conducirá o material cara a zona 2.

A segunda área consiste nun triturador primario cun separador magnético para recuperar os materiais ferrosos así como material reciclable e nun separador do material diferenciando entre lixeiro, de densidade mediana e pesado. O terceiro espazo será o de almacenamento de CSR para a súa expedición.

 Cando as instalacións estean ao 100% da súa capacidade utilizarán máis de 160.000 toneladas ao ano de residuos industriais e de residuos de orixe urbana e comercial non recuperable para a súa reciclaxe. Da súa xestión sairán un total de 85.000 toneladas ao ano de combustibles sólidos recuperados de distintas calidades e con distintos fins, ben para o queimador principal da fábrica de cementos ben con outros destinos.

Data de actualización: 09/12/2025