A Xunta inaugura en Mondoñedo unha exposición de José Pernas que retrata a vila a mediados do pasado século
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, sinalou que son 65 fotografías cedidas polo Arquivo Histórico Provincial, descritas e datadas coa colaboración de Andrés García Doural
Lugo, 10 de decembro de 2025
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ofrecerá no Pazo de San Tomé de Mondoñedo unha exposición de fotografías de José Pernas Moirón que reflicten a vida na localidade entre as décadas de 1950 e 1960. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, presentou a mostra, que se inaugurará este venres ás 18,00 horas e poderase visitar durante todo o Nadal.
Trátase dunha recompilación de 65 fotografías enmarcadas, descritas e datadas polo Arquivo Histórico Provincial de Lugo, coa colaboración de Andrés García Doural, gran coñecedor de Mondoñedo e das súas xentes.
Pepe Pernas, como era coñecido en Mondoñedo, era fillo doutro grande da fotografía, Santiago Pernas Salazar. Foi un fotógrafo de rúa que captou o acontecer da vila, desde a paisaxe urbana, ata os bailes, as festas, os paseos, os actos relixiosos e sociais, o tempo de lecer e o de traballar, presentando un mosaico de imaxes que retratan o Mondoñedo de mediados do século XX.