A Xunta detecta un novo foco de gripe aviaria en aves silvestres na localidade lucense de Xove

Este foco corresponde a cinco exemplares de gaivota patiamarela, que foron trasladadas ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de O Veral

En Galicia non hai ningún caso en aves de curral e seguen en vigor, ao igual que en toda España, as medidas preventivas adoptadas polo Ministerio de Agricultura

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2025

A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección de cinco exemplares de aves silvestres afectados por influenza aviaria de alta patoxenicidade (IAAP), resultado confirmado polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid).

Así, trátase de cinco gaivotas patiamarelas (Larus michahellis) atopadas no municipio lucense de Xove e que foron trasladadas ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático de O Veral, nesa mesma provincia.

As aves foron mostrexadas para proceder á análise laboratorial, eliminándose os cadáveres conforme á normativa en vigor. Con este novo foco, son 18 os notificados en aves silvestres confirmados na nosa comunidade no ano 2025, pero cómpre lembrar que, polo de agora, non se rexistrou ningún caso en aves de curral en Galicia.

Con respecto á situación en España, no actual período de vixilancia anual (desde o primeiro de xullo de cada ano), o número de focos en aves silvestres notificados por España ascende a 131 (133 se consideramos o período desde o 1 de xaneiro), un número moi elevado comparado cos datos de anos anteriores. A situación en Europa tamén reflicte un incremento considerable no número de focos nas últimas semanas. 

Medidas preventivas en toda España

Esta situación epidemiolóxica é a principal razón, xunto coa migración estacional das aves silvestres e o descenso das temperaturas nesta época do ano, que motivou a adopción das medidas preventivas por parte do Ministerio aplicables en todo o territorio español desde o pasado 13 de novembro, tendentes a evitar o contacto directo ou indirecto das aves domésticas coas aves silvestres de calquera especie.

Dada a relevancia do sector avícola en Galicia, e tendo en conta as actuais circunstancias, desde a Consellería do Medio Rural vólvese insistir na necesidade de estremar as medidas de bioseguridade das explotacións, tanto das industriais como das familiares, especialmente as destinadas a evitar o contacto con aves silvestres, así como intensificar a vixilancia das aves domésticas e silvestres, comunicando de inmediato aos Servizos Veterinarios Oficiais calquera sospeita da enfermidade. No caso das aves silvestres esta comunicación pódese levar a cabo a través do teléfono de atención á cidadanía 012.

Cómpre lembrar que o serotipo vírico detectado (H5N1) ten demostrado un escaso carácter zoonótico (contaxio a humanos), aínda que por un principio básico de bioseguridade recoméndase non manipular aves atopadas enfermas ou mortas e comunicar o feito aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural ou á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Data de actualización: 10/12/2025