Ferrol acolle da man da Xunta a estrea do espectáculo de circo, danza e ilusionismo 'Reinventio'

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na presentación desta iniciativa dirixida polo ilusionista ferrolán Martín Varela

O teatro Jofre acollerá mañá e o sábado as tres funcións que se celebrarán na cidade e que suporán o punto de partida dunha xira que levará o espectáculo polas setes cidades galegas

Ferrol, 11 de decembro de 2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá no teatro Jofre na presentación do espectáculo de gran formato que combina maxia, danza e artes circenses Reinventio que se estrea esta fin de semana na cidade da man de Turismo de Galicia.

Aneiros destacou a “boa noticia” que supón para Ferrol ser o punto de partida da xira galega desta iniciativa dirixida polo ilusionista ferrolán Martín Varela, xunto coa coreógrafa Mercedes Suárez e a compañía Druída Danza. “Proxectos así son os que enriquecen a nosa programación cultural e colocan a Ferrol e a Galicia no mapa como destinos capaces de ofrecer experiencias innovadoras, emocionantes e de calidade, tamén durante os meses de inverno”, asegurou.

Neste sentido, situou o apoio do Goberno galego á iniciativa no obxectivo de avanzar na desestacionalización da oferta turística. “Levamos anos traballando para que Galicia sexa un destino atractivo os 365 días do ano, e facémolo potenciando eventos que, como este, combinan cultura, creatividade e dinamización económica”, indicou.

O espectáculo Reinventio, que ofrecerá tres pases na cidade, mañá, ás 20,00 horas e o sábado ás 18,00 e ás 20,30 horas, combina números de ilusionismo, acrobacias e danza contemporánea nunha proposta de 90 minutos que aborda a ilusión, a superación e o espírito transformador do Camiño de Santiago nun relato visual sobre a capacidade de reinventarse.

A xira 2025/2026 inclúe nove funcións nas sete cidades galegas. Tras a estrea de Ferrol, Reinventio chegará a Vigo o 14 de decembro (Teatro Afundación), para despois continuar por Ourense (20 de decembro, Auditorio Municipal), Pontevedra (26 de decembro, Auditorio Sede Afundación), Lugo (27 de decembro, Auditorio Fuxan os Ventos), A Coruña (3 e 4 de xaneiro, Teatro Colón) e Santiago de Compostela (17 de xaneiro, Auditorio de Galicia).

O espectáculo enmárcase na programación ‘Nadal en Galicia’ impulsada por Turismo de Galicia con propostas para todas as idades e accións que inclúen desde beléns de longa tradición a mercados e outras actividades e espectáculos, cos que achegar o Nadal a todas as localidades. Esta programación inclúe un amplo calendario de actividades que van máis aló das datas centrais das festas. Supón un atractivo co que asegurar visitantes na comunidade fóra das datas de tempada alta de verán e Semana Santa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/12/2025