Medio Rural promove os hábitos saudables entre nenos e mocidade cun programa de reparto de froita, leite e castaña en centros escolares

A conselleira María José Gómez visitou hoxe o IES do Camiño, un dos beneficiarios desta liña de achegas que neste curso 2025/2026 conta cun orzamento de algo máis dun millón de euros

Poden acollerse a esta iniciativa todos os centros escolares de Galicia, incluíndo a educación secundaria obrigatoria, o bacharelato e de grao medio

Neste curso estanse beneficiando desta acción un total de 297 centros de toda Galicia, o que implica a uns 80.000 alumnos

Palas de Rei (Lugo), 11 de decembro de 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou hoxe o IES do Camiño, no concello lucense de Palas de Rei, un dos centros educativos beneficiados polo programa de reparto de froita fresca, leite e castañas impulsado polo seu departamento. Gómez, que estivo acompañada polo alcalde da localidade, Pablo Taboada, explicou que o obxectivo desta iniciativa é potenciar o consumo de alimentos sans entre os nenos e a mocidade, co fin de crear hábitos alimenticios saudables que poidan desenvolver durante a súa etapa de crecemento para poder mantelos na súa vida adulta.

Para o presente curso 2025/2026 convocouse unha liña de achegas específica cun orzamento de algo máis dun millón de euros, á que poden acollerse todos os centros escolares de Galicia, incluíndo a educación secundaria obrigatoria, o bacharelato e a formación profesional de grao medio.

Así, os centros beneficiados poderán gozar de dous períodos de distribución, un que abrangue ata febreiro de 2026 e outro entre os meses de marzo e xuño. En cada un destes períodos a froita e as castañas distribúense durante 10 días lectivos consecutivos; mentres que o leite se reparte durante un mínimo de 10 días.

Neste curso estanse beneficiando desta acción un total de 297 centros de toda Galicia, o que implica a uns 80.000 alumnos. De xeito máis concreto, María José Gómez destacou que só na provincia de Lugo hai 38 centros participantes, o que permite repartir alimentos saudables entre uns 7.500 nenos e mozos lucenses.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/12/2025