A Xunta participa na reunión do Padroado do Pazo de Feiras, que aprobou o orzamento de 2026 e novas obras de mellora do recinto
Lugo, 11 de decembro de 2025
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participaron hoxe nunha reunión ordinaria do Padroado da Fundación Feiras e Exposicións lucense, da que a Xunta é o principal patrón.
Na sesión aprobouse o Plan de Actuación 2026 e o orzamento correspondente ao vindeiro exercicio, que ascende a 1.665.000 euros. Tamén se acordou continuar o próximo ano coas obras de modernización das instalacións, con novas melloras que se levarán a cabo na zona central, nos accesos aos pavillóns e na pasarela exterior. Na reunión de hoxe, o padroado deu luz verde á contratación dos traballos.
Os responsables autonómicos destacaron o labor de dinamización do Pazo de Feiras, que acolle durante todo o ano eventos multitudinarios de diferentes ámbitos e sectores que involucran a toda a sociedade lucense.