A Xunta paga esta semana máis de 125 M€ da PAC de 2025 aos agricultores e gandeiros galegos

A conselleira do Medio Rural destacou hoxe esta cifra, coa que se procede a aboar o 90% das axudas directas e o 100% das destinadas a zonas con limitacións naturais

María José Gómez visitou unha explotación láctea en Mazaricos e reafirmou o compromiso da Xunta por unha PAC ben dotada e que garanta os dous piares de financiamento diferenciado, para axudas directas e para desenvolvemento rural

En liña co defendido onte polo xefe do Executivo galego en Bruxelas, a conselleira insistiu en que o orzamento para a PAC é insuficiente, tal como figura no Marco Financeiro Plurianual 2028-2034, e en rexeitar a nova estrutura proposta

Mazaricos (A Coruña), 11 de decembro de 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou hoxe que a Xunta está pagando nesta semana máis de 125 millóns de euros das axudas da Política Agrícola Común (PAC) correspondentes a esta campaña de 2025. Así, estes días procédese a aboar o 90 % das axudas directas e o 100 % das destinadas a zonas con limitacións naturais (ZLN), segundo explicou nunha visita á explotación leiteira de Pazos, en Mazaricos, na que estivo acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño.

Gómez sinalou que deste xeito adiántase a axuda asociada a ovino-cabrún e refórzanse os pagos ZLN, moi superiores aos de anteriores exercicios. Polo tanto, neste mes de decembro e antes de que remate o ano se procede a aboar a maior parte das axudas directas da PAC correspondentes a 2025, tal e como se anunciara a finais de outubro pasado. De feito, os pagos desta semana, xunto co anticipo de 44 millóns que se fixo efectivo en outubro, xa suman un desembolso de 170 millóns de euros, o que representa o 80 % do total previsto de todo o orzamento dos dous fondos da PAC nesta campaña de 2025. E, así, para o 2026 só restaría por pagar o 10 % das axudas directas e as axudas agroambientais.

Ao tempo, a titular de Medio Rural, salientou que a Xunta segue traballando en todas as instancias a prol dunha PAC ben dotada de orzamento e que continúe cumprindo a súa finalidade de apoiar a produción agroalimentaria de calidade e o desenvolvemento rural en Europa. Neste contexto, recordou que o propio presidente Rueda reclamou onte mesmo, no Comité Europeo das Rexións, que o sector primario galego sexa tido en conta nas negociacións actualmente en marcha no seo da UE.

En liña co defendido polo xefe do Executivo galego en Bruxelas, a conselleira insistiu en que o orzamento para a PAC é insuficiente, tal como figura no Marco Financeiro Plurianual 2028-2034, e en rexeitar a nova estrutura proposta, que non garante os dous piares de financiamento diferenciado, un para axudas directas e outro para desenvolvemento rural, como existen na actualidade. Sobre a explotación visitada hoxe en Mazaricos, Gómez puxo en valor o seu censo, de máis de 730 animais, así como a súa ampla base territorial, conformada por máis de 100 hectáreas de superficie.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/12/2025