Arias destaca a ampliación do Museo do Ferrocarril de Galicia cunha nova sala expositiva
O delegado territorial da Xunta en Lugo participou na inauguración deste espazo e presidiu a reunión do Padroado para aprobar o orzamento do 2026, entre outros asuntos
Monforte de Lemos (Lugo), 11 de decembro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe na inauguración do novo espazo expositivo do Museo do Ferrocarril de Galicia, situado en Monforte de Lemos, e presidiu a reunión ordinaria do Padroado para aprobar, entre outros asuntos, o orzamento previsto para o ano 2026, que rolda os 200.000 euros.
A Xunta é a Administración pública que achega maior financiamento ao Padroado da entidade, do que tamén forman parte as Deputacións Provinciais de Lugo e Ourense e o Concello de Monforte de Lemos.
Arias subliñou “a progresión de visitantes que experimentou o Museo nos últimos anos, que se reflicte nos ingresos pola venda de entradas, e que xunto coa colaboración administrativa permite seguir ampliando a oferta do centro”.
A nova sala recolle elementos relacionados coa historia e os profesionais do ferrocarril, entre eles os mobles da antiga oficina do ferroviario Amancio Ortega. O pai do fundador de Inditex traballou un tempo no depósito de vapor de Monforte, trasladándose máis tarde a Coruña, onde se xubilou. Tamén se amosan maquetas de trens a escala, farois, uniformes de distintas épocas e billetes antigos xunto con documentos históricos.
O Museo do tren de Monforte exhibe unha colección de trens antigos, incluíndo locomotora de vapor, diesel e eléctricas, así como coches de pasaxeiros e vagóns de carga que datan dos séculos XIX e XX, ofrecendo un completo percorrido pola historia do ferrocarril de Galicia.