A secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade e a directora de ADOS presentaron hoxe os novos concursos de carteis e curtametraxes, organizados en colaboración coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
A Xunta promove a solidariedade dos estudantes galegos no eido da doazón e transplante para seguir aumentando as taxas de participación
Natalia Lobato salienta a importancia das actividades de promoción e sensibilización entre os máis novos
Subliña que o pasado curso esta campaña de promoción achegou a realidade da doazón e do transplante de órganos a preto de 7.000 alumnos mediante 104 charlas informativas en 90 centros educativos
No pasado exercicio, Galicia superou os seus índices de doazóns e transplantes de órganos, con 424 intervencións e 137 doantes
Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2025
A secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, convidou hoxe aos estudantes a participar nunha nova edición dos concursos de curtametraxes e carteis sobre a doazón e o transplante de órganos para, deste xeito, promover a creación dunha conciencia social favorable no que atinxe a este eido da sanidade pública galega.
No acto de presentación destas actividades, que se realizan en colaboración coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, a secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade estivo acompañada pola directora da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López, e pola coordinadora autonómica de transplantes, Encarnación Bouzas.
Natalia Lobato incidiu en que o coñecemento da cidadanía do significado e importancia do proceso da doazón é un factor esencial para a súa participación e apoio ao transplante.
Segundo a secretaria xeral, concursos como estes amosan, ano tras ano, a sensibilidade nas obras que presentan os rapaces. Tamén tivo palabras de recoñecemento para o esforzo e o traballo dos centros educativos e profesores, que vai supoñer que os máis novos tomen conciencia sobre a bondade da doazón, o que lles vai permitir tomar unha decisión responsable o día de mañá.
Grazas a actividades de promoción como estas e ao traballo conxunto de todos, da sociedade e dos profesionais, o pasado ano Galicia obtivo os mellores resultados da súa historia de doazón e transplantes de órganos, con 424 intervencións e 137 doantes de órganos.
Labor educativo
Dentro do amplo programa de formación, información e concienciación que a Consellería de Sanidade está a desenvolver nos distintos niveis educativos para promover unha maior sensibilidade dos estudantes galegos a prol da doazón e do transplante, no pasado curso académico impartíronse 104 charlas informativas a preto de 7.000 alumnos e alumnas de 90 centros educativos de toda Galicia.
Ademais, no pasado ano, 1.700 profesionais sanitarios recibiron formación específica a través dos cursos realizados no eido da doazón e o transplante. Tamén desde o ano 2014 todos os residentes MIR de Galicia reciben cursos de formación específicos nesta materia.
Nova edición
Durante a presentación, a secretaria xeral explicou que a primeira das actividades é a convocatoria do VIII Concurso escolar de carteis relacionados coa doazón e os transplantes, en colaboración con Gadisa Retal S.L.U.
Nesta iniciativa, existen dúas categorías de participación; unha primeira para nenos e nenas de 5º e 6º de educación primaria; e a segunda, para o alumnado de 1º, 2º e 3º de educación secundaria obrigatoria (ESO).
En cada unha destas categorías outorgarase un primeiro e segundo premio, dotados con 1.000 e 500 euros, respectivamente, para a adquisición de material escolar para o centro de ensino. Haberá tamén premios para o alumnado e profesores (tabletas e auriculares).
Concursos de Curtametraxes
A segunda das iniciativas presentadas é o XII Concurso de curtametraxes relacionados coa doazón e cos transplantes de órganos. Está dirixido a todo o alumnado de 4º da ESO, bacharelato e ciclos formativos de grao básico, medio e superior e de ensino artístico regrado de toda Galicia.
Cada curtametraxe poderá ser presentada de xeito individual ou en grupo de ata cinco integrantes. Os traballos deberán ser orixinais e inéditos, terán unha duración máxima de dous minutos e estarán en lingua galega, podendo gravarse en calquera dispositivo, incluídos os teléfonos móbiles.
O primeiro premio consistirá en 1.000 euros para a adquisición de material escolar para o centro de ensino e outros 1.000 euros para os participantes, así coma unha tableta para o profesor ou profesora que tutelou o traballo, sendo o segundo premio de 750 euros e tableta.