A Xunta clausura en Lugo a Feira de emprendemento infantil centrada no comercio
O director xeral de Comercio e Consumo, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, asistiu hoxe ao acto que tivo lugar no soto da Praza de Abastos da cidade lucense, onde uns 60 escolares presentaron os produtos e servizos que idearon
Lugo, 13 de decembro de 2025
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, asistiu hoxe á Feira de emprendemento infantil centrada no comercio que tivo lugar no soto da Praza de Abastos de Lugo, co gallo de fomentar a creatividade e o espírito emprendedor duns 60 escolares de entre 8 e 12 anos de idade. A iniciativa, que conta co apoio da Xunta, foi impulsada pola escola de tempo libre lucense Bulideira e pola viguesa Barafunda Animación, e culmina hoxe coa presentación por parte dos participantes dos proxectos nos que veñen traballando desde hai semanas.
A Feira de emprendemento infantil para o comercio busca poñer en valor o comercio local ao tempo que estimula as habilidades dos menores para iniciar un negocio, a través da creación e posta en marcha de produtos ou servizos. A actividade botou a andar en setembro coa difusión nos centros educativos; creáronse 25 empresas, individuais ou cun máximo de tres integrantes, e tanto os participantes como as familias recibiron dúas sesións de teleformación nas que se explicaron conceptos como o valor do diñeiro, as finanzas, impostos ou créditos.
Así mesmo, os menores traballaron aspectos como a oratoria, os valores do comercio local, as matemáticas, as habilidades sociais e a autonomía.