A Xunta convoca as axudas para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas cun orzamento de 5,5 M€

A Consellería do Medio Rural publica hoxe esta orde que ten como finalidade mellorar o rendemento global das empresas deste sector e favorecer a súa adaptación ás demandas do mercado e aumentar a competitividade

A través destas axudas fináncianse os investimentos materiais e inmateriais en instalacións de transformación e infraestruturas vinícolas, así como en estruturas e instrumentos de comercialización

Poden beneficiarse delas as empresas vitivinícolas, as organizacións de produtores vitivinícolas, as asociacións de dous ou máis produtores con personalidade xurídica, así como as organizacións interprofesionais e as profesionais

O prazo para presentar as solicitudes comeza mañá e estará aberto ata o 30 de xaneiro do ano que vén

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2025

A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos investimentos para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, financiadas polo Feaga e que se convocan para 2026 cun orzamento de 5.493.338,18 euros.

Estas achegas teñen como finalidade mellorar o rendemento global das empresas do sector vitivinícola e a súa adaptación ás demandas do mercado, así como aumentar a súa competitividade. A través destas axudas fináncianse os investimentos materiais e inmateriais en instalacións de transformación e infraestruturas vinícolas, así como en estruturas e instrumentos de comercialización, mesmo co fin de mellorar o aforro de enerxía, a eficiencia enerxética global e os procesos sustentables.

Poden beneficiarse delas as empresas vitivinícolas (fundamentalmente as adegas), as organizacións de produtores vitivinícolas, as asociacións de dous ou máis produtores con personalidade xurídica, así como as organizacións interprofesionais e as profesionais. O prazo para presentar as solicitudes comeza mañá e estará aberto ata o 30 de xaneiro do ano que vén.

Outros obxectivos

Así, os principais obxectivos destas axudas é fomentar a agrupación dos primeiros elos da cadea alimentaria mediante a integración das entidades asociativas e o asociacionismo agrario; así como impulsar a sustentabilidade social e os procesos sostibles dende o punto de vista medioambiental a través do aforro de enerxía, a eficiencia enerxética global e a utilización de enerxías renovables, entre outros.

Procúrase tamén favorecer a certificación medioambiental das instalacións das empresas vitivinícolas e os produtos acollidos a réximes de calidade, ao mesmo tempo que se impulsa a produción ecolóxica.  Outros obxectivos pasan por favorecer a innovación e a implantación de novos produtos e novas presentacións, polo incremento da dimensión empresarial, pola participación dos viticultores e elaboradores na cadea de valor ou por impulsar os investimentos en comercialización e promover a introdución das tecnoloxías dixitais nas empresas.

Data de actualización: 15/12/2025