O secretario xeral da Lingua e a directora xeral de Xuventude recibiron aos galardoados nesta iniciativa que se convocou coincidindo co 14 de febreiro

A Xunta recoñece a creatividade da mocidade en galego na entrega dos premios ‘Lingua de Namorar’

O certame ten por obxectivo impulsar o uso do idioma entre a xente moza á vez que fomenta o seu talento literario ao redor de mensaxes vencellados ao amor

Destacan que se trata dunha proposta en liña “coa que tratamos de achegarnos á xuventude a través dun medio que dominan, o dixital, especialmente as redes sociais”

Santiago de Compostela, 16 de decembro

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, e a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, recibiron hoxe aos premiados na décimo cuarta edición do certame Lingua de Namorar, organizado polos dous departamentos da Xunta co obxectivo, explicaron, “de promover o uso do galego entre as persoas mozas, ao tempo que se fomenta o talento literario e a creatividade ao redor das relacións persoais”.

Así, tal e como lembraron os representantes da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, “con esta iniciativa de creación de mensaxes de amor en liña, tratamos de achegarnos á mocidade a través dun medio que domina e no que está moi presente, como é o eido dixital e, especialmente as redes sociais”. Deste xeito, a convocatoria, que se estendeu desde o 14 de febreiro ao 17 de marzo, dividiuse en tres categorías, dúas para a web, cun premio para as persoas de 14 a 19 anos e outro para o tramo de idade de 20 a 35, e unha exclusiva para Instagram, aberta aos mozos e mozas de 14 a 35 anos.

Durante a entrega dos agasallos, Valentín García e Lara Meneses fixeron fincapé en que se trata dun certame no que as mensaxes gañadoras foron elixidas nun dobre proceso de selección no que participou “tanto a sociedade en xeral como un xurado, involucrando así ao público usuario das redes coa proposta, conseguido máis alcance para darlle visibilidade ao galego e ao enxeño da nosa xuventude”.

Na categoría comprendida entre os 14 e 19 anos resultou gañadora Candela Fernández,  de Vigo, cunha mensaxe titulada En ti. Neste caso, por deliberación do xurado quedaron desertos o segundo e terceiro premio. Doutra banda, na categoría de 20 a 35 anos as persoas distinguidas foron, en primeiro lugar, Saray Rodríguez, de Ourense, co escrito Ignis Amoris; seguida de Pablo Pardavila, da Pobra do Caramiñal, con Non hai máis pan na mesa, e de Sofía Muñiz, de Cambados, con Estado de transición. Pola súa parte, no apartado de Instagram foi recoñecida a mensaxe enviada por Jennifer Santabaya, de Dumbría, baixo a etiqueta #ti. Os textos completos poden lerse no portal de Xuventude.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/12/2025