Fabiola García coñece a localización que o Concello de Outes propón para a creación dun centro residencial para persoas con discapacidade

A conselleira de Política Social e Igualdade lembrou o compromiso da Xunta coa atención ás persoas maiores, dependentes e á infancia deste municipio

Outes (A Coruña), 21 de decembro de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, e o alcalde de Outes, Francisco Calo, visitaron a parcela que o concello propón para a creación do proxecto de centro residencial para persoas con discapacidade e que conta cun inmoble utilizado anteriormente como colexio.

O concello destaca que este inmoble de tres alturas pode ser o emprazamento máis axeitado para a localización deste centro residencial ao situarse nunha zona ben comunicada co resto do municipio e da contorna. Tal e como lle presentou o alcalde á conselleira hai unhas semanas nunha xuntanza en San Caetano, o obxectivo é poñer en marcha un servizo que dea resposta ás necesidades das familias de persoas con discapacidade da zona.

A conselleira lembrou que a Xunta mantén o seu compromiso co impulso das políticas sociais en todos os municipios de Galicia, especialmente naquelas áreas máis rurais. Por iso, fixo fincapé en que recentemente a Xunta ampliou a escola infantil ata sumar 41 prazas de educación 0-3 anos, e que se atopa no mesmo complexo no que se propón a creación deste centro residencial; así como os servizos para maiores como o centro de día. Ao respecto, tamén engadiu que o Goberno galego mantén o seu apoio ás entidades sociais do sector da discapacidade e que recentemente se comprometeu en solitario, sen axuda do Executivo central, a asumir a suba dos custos polo incremento dos convenios colectivos estatais que afectan ao persoal deste eido.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/12/2025