A Xunta felicita á escola de baile ‘Ritmo Lugo’ polos novos éxitos logrados en campionatos nacionais e internacionais

Una alumna do centro ven de proclamarse campioa de España de bachata e salsa ‘shine’ na súa categoría no certame nacional de bailes caribeños celebrado en Guadalajara

Lugo, 22 de decembro de 2025

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, felicitou hoxe á escola de baile e club deportivo Ritmo Lugo tras os novos éxitos logrados polos seus deportistas en competicións nacionais e internacionais.

Arias visitou o centro para trasladarlle os seus parabéns á alumna Alma Díaz Figueiras, que se proclamou campioa de España de bachata e salsa shine na categoría xuvenil 1, no certame nacional de bailes caribeños celebrado a finais de novembro en Guadalajara. Ademais, Alma logrou un quinto posto en bachata e un duodécimo en salsa na súa categoría no Open Internacional disputado este mes en Estambul.

Tamén destacaron os resultados obtidos por Aitor Castro e Cristina Lago no  campionato de España, no que se clasificaron subcampións en bachata e merengue youth por parellas. Arias felicitou aos bailaríns e a todo o equipo da academia, así como ao alumnado que acaba de participar no campionato mundial de Estambul – nas mesmas datas que o Open Internacional -, entre eles María Alejandra Amaris, Carla e Andrea Lema, Sofía López e Edurne Santos.

O delegado gabou o labor desta escola, unha das máis veteranas da cidade nas ensinanzas de baile, que “ofrece unha formación especializada para todas as idades e, sobre todo, axuda a achegar hábitos de vida activa a unha gran cantidade de nenos e mozos”, salientou. 

Ao respecto, lembrou que a Xunta apoia o labor que desenvolve Ritmo Lugo a través das axudas da Secretaría Xeral para o Deporte dirixidas a impulsar a  actividade dos clubs deportivos, contribuíndo así a fomentar a práctica de deporte e tamén a formación e proxección de novos talentos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/12/2025