O grupo De Vacas celebra o seu 10º aniversario con cinco concertos da xira ‘Vacanal Sinfónica’ patrocinada pola Xunta
Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2025
O grupo De Vacas ofrecerá o domingo 28 de decembro no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, o primeiro dos cinco concertos da xira Vacanal Sinfónica, que conta co patrocinio da Xunta de Galicia para celebrar o 10º aniversario da formación musical que integran Inés Salvado, Faia Díaz, Paula Romero e Guillerme Fernández.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, visitou os ensaios deste espectáculo especial de gran formato, para o que De Vacas prepara unha revisión en clave sinfónica e operística dos seus grandes éxitos xunto ás máis de 50 voces do compostelán Coro da Ra, baixo a dirección de Ramón Bermejo, ademais dunha orquestra mutiinstrumental que interpretará arranxos asinados polo compositor Lucas Rei. A posta en escena está deseñada por As Dúas e Punto. Despois da devandita actuación inaugural, Vacanal Sinfónica continuará en febreiro e marzo con catro novas citas co público noutras tantas localidades galegas.