A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto á directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, firmou co alcalde o acordo para colaborar nesta actuación, ao abeiro do Plan Hurbe

A Xunta asina co Concello de Crecente o convenio para executar a humanización e mellora do núcleo de Pazo, que suporá un investimento de 345.000 €

As obras de humanización teñen como obxectivo mellorar o pavimento do viario municipal no núcleo de Pazo e incluirán a mellora da capa de rodadura actual e ensanches nalgunhas zonas para mellorar a seguridade

Tamén se executará unha senda peonil e abordarase a sinalización vertical e horizontal, a mellora da recollida de augas pluviais da superficie do viario e o soterramento das redes de telecomunicacións, electricidade e iluminación

A Xunta financiará o 75% do custo da actuación (258.746 €) e contratará e executará as obras, mentres que o Concello asumirá o 25% restante (86.248 €)

Trala sinatura do convenio, a Xunta licitará as obras, que terán un prazo de execución de oito meses

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2025

A Xunta asina co Concello de Crecente o convenio para executar a humanización e mellora do núcleo rural de Pazo, na parroquia de Santa María de Rebordechán, que suporá un investimento de 345.000€.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, firmou co alcalde, Julio César García-Luengo, o acordo para colaborar nesta actuación, que se enmarca no Plan Hurbe. Este programa autonómico está destinado á apoiar ás administracións locais en intervencións urbanísticas en contornas urbanas e tamén en mellora de equipamentos.  

A través das citadas obras de humanización prevese mellorar o pavimento do viario municipal que dá acceso ao núcleo rural de Pazo cara ao sur, dando servizo a vivendas e parcelas agrícolas. Este viario é utilizado de forma cotiá pola veciñanza da zona, xa que se trata do acceso máis rápido para chegar á Cañiza e conectar coa estrada N-120 ou ben a autovía A-52.

A través do convenio, a Xunta financiará o 75% do custe da actuación (258.746€) e contratará e executará as obras, que terán un prazo de execución de 8 meses. Pola súa banda, o Concello asumirá o 25% restante (86.248€), asume a redacción do proxecto e asumirá o mantemento da actuación unha vez finalizada. O convenio estará vixente ata o 31 de decembro do 2026.

Actuacións

Actuarase nos puntos nos que o citado viario está en peor estado de conservación, sendo precisa unha actuación integral en determinadas zonas. O tramo obxecto do proxecto ten unha lonxitude de 458 m e unha superficie afectada superior a 2.400 m².

As actuacións consistirán principalmente na mellora da capa de rodadura e aproveitarase para realizar ensanches nalgunhas zonas para mellorar a mobilidade peonil, así como a seguridade de vehículos e peóns usuarios da vía. Ademais, executarase unha senda peonil, abordarase a sinalización vertical e horizontal, a mellora da recollida de augas pluviais da superficie do viario e  o soterramento das redes de telecomunicacións, electricidade e iluminación.

Con estes traballos dáse resposta a unha solicitude da veciñanza que reside nesta contorna para unha actuación de mellora no núcleo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/12/2025