A delegada da Xunta en Ferrol analiza co xerente do GDR Seitura 22 o estado dos proxectos presentados ao abeiro das axudas de desenvolvemento rural

Ferrol, 30 de decembro de 2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, mantivo esta mañá unha reunión de traballo co xerente do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Seitura 22, Miguel Teixido, co que analizou o estado de tramitación dos proxectos presentados ao abeiro da última convocatoria da Intervención Leader, no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC).

Os proxectos presentados nesta convocatoria están cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). O GDR Seitura 22, ao que están adscritos os municipios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, é a entidade encargada de xestionar sobre o territorio os mencionados fondos europeos. Na convocatoria 2025, subvencionáronse 14 proxectos, entre produtivos xeradores de emprego e autoemprego, e os non produtivos, que benefician á poboación rural.

No conxunto de Galicia, nesta última convocatoria resolvéronse favorablemente un total de 346 proxectos, cun orzamento conxunto de 11,3 millóns de euros, e que suporán a creación de 175 postos de traballo e a consolidación doutros 755 empregos.

O encontro forma parte da rolda de contactos que, de maneira periódica, Aneiros vén mantendo cos diferentes axentes socioeconómicos do territorio para tomar o pulso das necesidades e demandas que se xeran no ámbito da Delegación Territorial de Ferrol.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/12/2025