María José Gómez reitera o compromiso da Xunta co sector da horta con novas axudas para os produtores
A conselleira do Medio Rural visitou unha explotación hortícola na Estrada e reiterou o apoio do Goberno galego a este eido produtivo, que en 2026 se reforzará a través dunha nova liña de achegas por 172.000 euros
O obxectivo é reforzar a posición de Galicia como referente na produción hortícola de calidade e tamén xerar valor económico e oportunidades de emprego e emprendemento no territorio, en liña co marcado na estratexia sectorial
A Estrada (Pontevedra), 30 de decembro de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, puxo de relevo o compromiso da Xunta co sector hortofroitícola galego, que se manifesta a través dun plan estratéxico e con novas axudas específicas, como son os máis de 172.000 euros consignados nos orzamentos de 2026 para un novo programa de apoio a produtores de froitas e hortalizas. Trátase, segundo explicou a conselleira, de seguir impulsando a horta, un ámbito no que Galicia quere seguir sendo un referente.
Gómez, acompañada polo alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, visitou a explotación hortícola Río Ulla SAT, da familia Touceda Matalobos, situada neste concello pontevedrés e centrada na produción de amorodos, xudías e pementos, entre outras plantacións. Conta ademais cunha cabana gandeira de 25 vacas e, na época de máxima produción, dá traballo a unhas 14 persoas nas súas instalacións.
Neste acto, a conselleira salientou que o territorio galego é moi axeitado para o cultivo hortícola, cunha tradición rica e diversos indicativos de calidade asociados a este tipo de produción. Por iso, sinalou, a Xunta puxo en marcha no ano 2024 a Estratexia da Horta.
O principal obxectivo desta planificación estratéxica é reforzar a posición de Galicia como referente na produción hortícola de calidade, apostando pola sustentabilidade, a diversidade, o respecto polo medio ambiente, a innovación e a profesionalidade como pancas para ofrecer ao mercado produtos frescos e transformados saudables. A finalidade é tamén xerar valor económico e oportunidades de emprego e emprendemento no territorio.
Relevancia do sector no agro galego
O sector hortícola ten unha gran relevancia no agro galego, sendo a terceira produción máis importante. O seu peso económico en termos de valor alcanza un 17,5 % do total da produción da rama agraria, achegando un significativo valor económico en termos de prezos pagados ao produtor que supera os 650 millóns de euros anuais.
Ademais, este eido experimentou un crecemento acelerado nos últimos anos, como se reflicte no aumento da superficie cultivada na nosa comunidade, que desde o ano 2017 medrou un 40 % ata situarse nas 9.460 hectáreas. No ámbito nacional, Galicia ocupa a cuarta posición entre as autonomías en termos de valor económico da súa produción, representando o 8,5 % do total, por detrás de Andalucía, Murcia e Castela-A Mancha.