A Xunta comprobou a efectividade dos plans de emerxencias de Protección Civil cunha ducia de simulacros ao longo de 2025

O obxectivo dos exercicios desenvolvidos é facerlle fronte a unha hipotética situación de emerxencia e probar a eficacia das medidas deseñadas

Centráronse en accidentes aéreos, lumes forestais e riscos químicos en contornas industriais

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2026

A Xunta comprobou a efectividade dos plans de emerxencias de Protección Civil con 12 simulacros e simulacións de Plans de protección civil autonómicos rexistrados ao longo de 2025, seis máis que no ano anterior.

Oito destes exercicios foron simulacros de campo, nos que os participantes desenvolveron actividades operativas, tal e como se realizarían para a protección e socorro da poboación, dada unha hipotética situación de emerxencia, e implicando en consecuencia a mobilización real de persoal e medios materiais. Trátase, por exemplo, dos simulacros para comprobar a efectividade do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga) por accidente aéreo levados a cabo en febreiro no aeroporto da Coruña e en setembro no de Vigo. 

Ademais, entre maio e xuño realizáronse exercicios dirixidos a avaliar a protección de núcleos habitados e a coordinación ante os lumes forestais de cara á tempada de alto risco coa recreación de escenarios de alta intensidade con afectación a vivendas co obxectivo de practicar a evacuación e confinamento da veciñanza. Así, avaliouse o Plan Especial ante o Risco de Incendios Forestais (Peifoga) con cinco simulacros: un na provincia de Ourense que afectaba ao concello do Pereiro de Aguiar; outro na provincia lucense con afectación aos municipios de Riotorto, Meira e A Pontenova; un exercicio na localidade coruñesa de Rianxo, e outros dous nos concellos pontevedreses de Arbo e Oia. 

Entre os oito simulacros de campo tamén se inclúe o de activación do Plan de Emerxencia Exterior (PEE) por risco químico na refinería do polígono industrial A Grela-Bens da Coruña. 

Os catro exercicios restantes consistiron en exercicios de despacho ou simulacións con distinto alcance, e que se realizaron para os PEE, tamén por risco químico, das entidades Foresa Vilagarcía, Foresa Caldas, e Syngenta, aos que se suman o exercicio sobre plano de activación do Platerga por accidente aéreo do aeroporto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela.

Os obxectivos dos exercicios son a constatación da calidade da coordinación entre os grupos operativos e a avaliación da capacidade para a toma de decisións dos órganos de xestión, así como o ensaio das medidas recollidas nos manuais operativos e dos procedementos dos distintos participantes. Para levalos a cabo establecéronse as fases de programación, atendendo ás necesidades de implantación, mantemento e actualización dos plans; planificación, con xuntanzas específicas para cada exercicio; execución, coa posta en práctica das actividades previstas; e avaliación sobre a idoneidade da resposta.

O conxunto dos simulacros de emerxencia realizados en 2025 permitiron que as persoas responsables coñezan e entendan mellor as súas funcións no caso dunha situación de emerxencia, especialmente cando sexa preciso activar un plan de protección civil debido á súa gravidade. Facilitaron tamén a proposta de medidas correctoras para manter os plans actualizados e comprobar a súa eficacia.

Ponse tamén de manifesto a gran preparación previa, realista e acorde coas prioridades detectadas que requiren estes exercicios, xa que implican a participación de persoal de diferentes departamentos da Xunta e doutras administracións, como poden ser bombeiros, protección civil municipal, forzas e corpos de seguridade, e persoal sanitario.

Data de actualización: 02/01/2026