O delegado territorial visitou a adega ‘Pazo de Valdeconde S.L.’, que contou cunha achega da Consellería do Medio Rural de máis de 45.000 €

Manuel Pardo destaca o apoio da Xunta ao sector do viño cunha nova orde de axudas de 5,5 M€ para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas

O delegado territorial reafirmou o apoio do Goberno galego a prol do sector vitivinícola de cara ao 2026, cunha nova orde de axudas da Consellería do Medio Rural para apoiar investimentos materiais e inmateriais nas instalacións de transformación e nas infraestruturas vinícolas 

Manuel Pardo salientou que estas achegas apoian ao sector vitivinícola para mellorar o rendemento global das empresas e a súa adaptación ás demandas dos mercados, así como para aumentar a súa competitividade

Mediante estas subvencións pódense financiar os custos de construción, adquisición ou mellora de bens inmobles, a compra de nova maquinaria e equipamentos ata o valor de mercado do produto e os gastos administrativos, sempre que en conxunto non superen o 4% dos custos subvencionables totais da operación

O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria rematará o vindeiro 30 de xaneiro

Ourense, 07 de xaneiro de 2026

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, visitou hoxe as instalacións da bodega Pazo de Valdeconde S.L., situada no concello ourensán de Verín e adscrita á Denominación de Orixe (DO) Monterrei, para supervisar o resultado das obras de instalación de novos depósitos e os seus correspondentes equipos de frío, que contou coa concesión dunha achega de máis de 45.000 euros ao abeiro das axudas de 2024 para apoiar a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas da Consellería do Medio Rural.

O delegado territorial reafirmou o apoio do Goberno galego a prol do sector vitivinícola de cara ao 2026. Neste sentido, lembrou que a Xunta ten aberta unha nova convocatoria de axudas para apoiar investimentos materiais e inmateriais nas instalacións de transformación e nas infraestruturas vinícolas, que conta cunha partida de 5,5 millóns de euros ata o vindeiro 30 de xaneiro.

Tamén resaltou que neste ano 2026 destinaranse arredor de 12 millóns de euros en diferentes liñas de axudas para a reestruturación e reconversión de viñedo, para a promoción do viño galego en mercados de terceiros países ou para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, entre outros apoios.

Manuel Pardo salientou que estas achegas apoian ao sector vitivinícola para mellorar o rendemento global das empresas e a súa adaptación ás demandas dos mercados, así como para aumentar a súa competitividade. Así, teñen como finalidade mellorar o rendemento global das empresas do sector vitivinícola galego e a súa adaptación ás demandas do mercado, así como aumentar a súa competitividade. Poden beneficiarse delas as empresas vitivinícolas (fundamentalmente as adegas), as organizacións de produtores vitivinícolas, as asociacións de dous ou máis produtores con personalidade xurídica, as organizacións interprofesionais e as organizacións profesionais.

O representante do Goberno galego significou que os principais obxectivos destas subvencións son, entre outros, os de fomentar a agrupación dos primeiros elos da cadea alimentaria mediante a integración das entidades asociativas e o asociacionismo agrario, así como impulsar os procesos sustentables desde o punto de vista ambiental a través do aforro de enerxía, da eficiencia enerxética global, da utilización de enerxías renovables e da valorización e tratamento dos residuos.

Procúrase, así mesmo, -lembrou o delegado territorial- fomentar a certificación ambiental das instalacións das empresas vitivinícolas, a produción ecolóxica e os produtos acollidos a réximes de calidade e os pagamentos de uva por calidade. Outros obxectivos pasan por favorecer a innovación e a implantación de novos produtos e novas presentacións, polo incremento da dimensión empresarial, pola participación dos viticultores e elaboradores na cadea de valor ou por impulsar os investimentos en comercialización e promover a introdución das tecnoloxías dixitais nas empresas.

Mediante estas subvencións pódense financiar os custos de construción, adquisición ou mellora de bens inmobles, a compra de nova maquinaria e equipamentos ata o valor de mercado do produto e os gastos administrativos, sempre que en conxunto non superen o 4% dos custos subvencionables totais da operación. Tamén serán subvencionables a adquisición ou o desenvolvemento de soportes lóxicos de ordenador e de patentes, licenzas, dereitos de autor ou o rexistro de marcas colectivas.

A vendima de 2025 na Denominación de Orixe Monterrei

Manuel Pardo destacou que o balance da última vendima nesta DO foi moi positivo, xa que acadou un récord absoluto de quilos colleitados, cun aumento do 5 % respecto do ano pasado e dun 35 % sobre a media do decenio 2016-2025. Neste territorio, a variedade godello supón o 64 % de toda a uva vendimada e o 81 % da branca, mentres que a mencía representou un 16 % de todas as variedades recollidas e o 77 % se o referimos ás tintas. Nesta DO destacan as variedades brancas, cun 79 % do total colleitado, fronte a un 21 % de tintas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/01/2026