O presidente da Xunta mantivo esta semana un encontro co alcalde da localidade, José Luis Camiñas
Rueda compromete un investimento da Xunta de 150.000 euros para a creación do centro de día de Rodeiro
Na actualidade, o concello conta cun Centro Polivalente de Uso Asistencial financiado polo Goberno galego e no cal se prevé situar agora a nova instalación
Na reunión tamén abordaron outros asuntos de interese para o municipio nos eidos de mobilidade e vivenda
Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2026
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o alcalde de Rodeiro, José Luís Camiñas, mantiveron esta semana unha xuntanza na que o titular do Goberno galego lle trasladou ao rexedor o compromiso de destinar 150.000 euros para a creación do centro de día do municipio.
Esta medida dálle continuidade ao compromiso adquirido polo Goberno galego logo da sinatura dun convenio de colaboración no 2018 para financiar a construción dun Centro Polivalente de Uso Asistencial, no cal agora se prevé situar o centro de día e un punto de atención á infancia. Ademais, a Xunta financia na actualidade dez prazas públicas de atención diúrna nas dúas casas do maior coas que conta o concello.
Durante o encontro tamén se abordaron asuntos como a mobilidade ou a vivenda. Neste último eido, o presidente da Xunta de Galicia lembrou a liña de axudas do Executivo autonómico a concellos de menos de 30.000 habitantes para rehabilitación de vivendas de titularidade municipal destinadas a alugueiro accesible. No 2026 destinaranse máis de 2,1 M€ a esta liña, que inclúe como principal novidade a cualificación pública permanente das vivendas resultantes. Ademais, increméntase nun 30% o importe máximo da axuda por vivenda, que poderá acadar os 65.000€ (68.000 en determinados casos).