María José Gómez lembra o compromiso da Xunta cos viticultores da Ribeira Sacra cunha nova convocatoria para manter a paisaxe
Así o destacou hoxe a conselleira do Medio Rural nunha visita ao miradoiro das Penas de Matacás, en Castro Caldelas, onde presentou a segunda convocatoria das axudas para a conservación paisaxística e a loita contra a erosión dos viñedos nesta zona
Sinalou que o Goberno autonómico é consciente da importancia que ten a Ribeira Sacra para Galicia, tanto polo seu valor natural como pola contribución á economía galega a través do sector vitivinícola
Por estes motivos, optouse por dar continuidade a estas axudas, cuxa contía máxima é de 1.000 e 2.000 euros por hectárea en función do tipo de cultivo, segundo se é mecanizado ou non mecanizado respectivamente
Castro Caldelas (Ourense), 12 de xaneiro de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, presentou esta tarde a segunda convocatoria das achegas para a conservación paisaxística e a loita contra a erosión dos viñedos da Ribeira Sacra, que poden solicitarse ata o 9 de febreiro. Fíxoo no miradoiro das Penas de Matacás, en Castro Caldelas, onde salientou o compromiso do Goberno autonómico cos viticultores desta zona en particular e da comunidade en xeral.
Neste sentido, Gómez sinalou que a Xunta é consciente da importancia que ten a Ribeira Sacra para Galicia, tanto polo seu valor natural como pola contribución á economía galega a través do sector vitivinícola. Uns valores que, advertiu, agarda que finalmente sexan recoñecidos pola Unesco. Sobre o peso do sector vitivinícola na contorna, a conselleira destacou que é o motor económico fundamental deste territorio, no que se cultiva o viñedo en zonas de muras de pedra e socalcos, dando forma á viticultura heroica pola que é coñecida a Ribeira Sacra.
Por estes motivos, explicou a titular de Medio Rural, a Xunta decidiu dar continuidade neste 2026, por segundo ano consecutivo, ás axudas para a conservación da contorna paisaxística e a loita contra a erosión nos viñedos desta zona, cuxa convocatoria vén de publicarse no Diario Oficial de Galicia (DOG) cun orzamento de 1,5 millóns de euros.
Asemade, trasladou que a contía máxima individualizada para cada beneficiario varía en función do sistema de cultivo emprego. Neste sentido, os viticultores que realicen o seu traballo de xeito mecanizado poderán contar con achegas de ata 1.000 euros por hectárea, mentres que as persoas que levan a cabo este labor cun sistema non mecanizado poden optar a axudas de ata 2.000 euros por hectárea. En ambos os dous casos, o máximo de axuda por beneficiario será de 50.000 euros.
Case 800 beneficiarios en 2025
A conselleira fixo tamén referencia á convocatoria de 2025 destas achegas, que permitiron recoñecer o labor de 794 viticultores a través dun orzamento de algo máis de 1,3 millóns de euros.