A Xunta convoca as axudas para proxectos que fomenten o uso do galego nos centros educativos

A iniciativa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, xunto coa Consellería de Educación, pretende impulsar accións que axuden a percibir a utilidade da lingua

As propostas deben ser presentadas polos equipos de dinamización lingüística ou polo profesorado, que teñen un mes a partir da publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2026

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas para o desenvolvemento de proxectos que fomenten o uso do galego nos centros educativos que impartan ensinanzas de niveis non universitario.

Con esta iniciativa, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, en colaboración coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, pretende reforzar a dimensión comunicativa do galego facilitándolle ao alumnado unha oferta educativa que lle axude a percibir a utilidade da lingua e o capacite para o seu uso correcto e eficaz.

Así, desde a Xunta establécese un programa de actividades de fomento do idioma en cada centro, no marco do seu proxecto lingüístico e coa participación de toda a comunidade escolar, con especial atención ás liñas de actuación que permitan un incremento do uso do galego nas actividades extraescolares e complementarias.

As propostas deberán ser promovidas polos equipos de dinamización da lingua galega ou polo profesorado responsable do proxecto de cada centro de ensino, que terán un mes de prazo para a súa presentación a partir de mañá.

Avaliación das propostas

Unha vez recibidas as iniciativas, configurarase para a súa valoración unha comisión provincial de cualificación e unha comisión central dentro da Secretaría Xeral da Lingua, que homoxeneizará os criterios a aplicar e formulará a resolución das axudas.

Algúns dos puntos que se terán en conta principalmente para levar a cabo esa valoración son o grao de implicación activa dos membros da comunidade no proxecto (pais/nais, titores, profesorado ou alumnado e persoal da administración); o nivel de utilización das novas tecnoloxías (creación de páxinas web e blogs ou material audiovisual); o grao de colaboración con outras institucións, entidades ou asociacións externas ao centro, así como a relación con outros espazos educativos no deseño da planificación lingüística.

Data de actualización: 13/01/2026