A Xunta e a Fundación Alcohol y Sociedad renovan a súa colaboración para o desenvolvemento do programa ‘Menores, nin unha pinga’

O obxectivo é previr o consumo de alcol entre os máis novos, con charlas dirixidas a alumnos de Educación Secundaria Obrigatoria

Desde a posta en marcha da iniciativa participaron na mesma 74 centros e 7.316 alumnos

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o presidente da Fundación Alcohol y Sociedad, Bosco Torremocha, asinaron hoxe un convenio para renovar a participación dos centros educativos galegos no programa Menores, nin unha pinga, de prevención de consumo de alcol entre os máis novos. No acto participou tamén a directora de Relacións institucionais da entidade, Silvia Jato.

O obxectivo do acordo é colaborar na sensibilización e na difusión de materiais e recursos que permitan un maior coñecemento das circunstancias específicas asociadas ao consumo do alcol con actividades dirixidas a alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria, considerando a prevención e a educación como unha vía prioritaria para reducir estas conductas entre os menores. Ademais do devandito programa, poderán desenvolverse outras iniciativas que sexan de interese para as partes neste ámbito.

Menores, nin unha pinga fomenta a reflexión crítica entre os rapaces sobre os riscos que implica o consumo de bebidas alcólicas. O programa consiste na realización de actividades e charlas informativas para o alumnado, profesorado e familias nos centros educativos a cargo de especialistas da Fundación.

Durante a sesións abórdanse cuestións como os efectos do alcol na saúde física e mental, a presión social en prol do consumo, as repercusión sociais ou a importancia de tomar decisións informadas e responsable.

A iniciativa desenvólvese en Galicia desde o curso 2021/22 e xa participaron na mesma 74 centros e 7316 alumnos. A iniciativa desenvólvese en distinto puntos de España desde hai dúas décadas, tempo no que chegou xa a máis de 2,9 millóns de estudantes e 50.000 familias.

Data de actualización: 14/01/2026